Opinión

A cama de meu avó

O negativo da identidade. A cama de meu avó Manuel Sanmartín Méndez. E a procura do acomodo necesario da interrogante. Que imaxe fica na foto se dela non retiramos o baleiro da ausencia?

No preámbulo desta obra o autor, Celso Fernández Sanmartín, espella o sentir da escrita: “querer coller a súa mau, tan fráxil coma a pel dunha claudia madura das claudieiras do Rego de Prado, en Bermés, tan forte coma para plantar e recoller, tan segura coma para calmar”. Aí é nada. O máxico poder da raíz propia.

O intenso recendo autóctono e auténtico da arela imprégnanos nada máis abrir a cancela das páxinas: “Casa do meu avó/rosas altas”. A contención poética construída con palabras para nomearen o inefábel: “como  a vara de arrimo/a pedra asentada/perfecta a un lado da porta/Escolleitas/coma sementeira/coma a pintura da parede do cuarto”. Ao que sucede decontado a constatación da ruína: “E en todo a erosión”.

Unha fragrancia de estirpe campesiña que pervive no lembrar: “O arrecendo a flor/que vén coa herba seca para a casa/e enche os ventos do nariz”. E na aprendizaxe cotiá o silencio espido dos latexos cómplices: “Palabras as xustas/as caladas/as que tocan/que aprenderon dos dedos a abotoar”.

A sabedoría popular: “Val máis o que o sol deixa que o que a auga cría”. Mais tamén a consciencia: “A memoria/incompleta e clara”. E a fusión de ambos os conceptos, visíbeis na evidencia da denominación propia e pura: “A intemperie era para el o vintimperio”.

A adaptación aos cambios foi transmutando tamén o predio da identidade doméstica: “A cama foi dura e fresca/o primeiro que tivo foron táboas por somier/e despois métálico/e finalmente somier laminado”.

Imaxes que nos traen á evocación os versos de “Nai galega”, en Materia infinita: “Primeiro lareira, que se lle deu en chamar tamén de terra,/baixa e, máis tarde, cociña vella./Esta xa conviviu coa de leña, económica ou de ferro,/nun equilibrado reparto de tarefas”.

O contraste de planos temporais enuncia a oposición de vida fronte a estatismo. Porque dende aquel recinto sentíase o agromar da luz: “Vía nacer o día/desde o primeiro momento”. Mentres que arestora: “Está parada/e en espera”.

O reflexo da metáfora proxecta o seu espectro na loita contra o irremediábel penetrando nun voar de intimidade arelante: “A cama é o paxaro que aquel día entrou por unha ventá/das de diante/e como todas as portas de dentro estaban abertas”. E formula no remate da escrita o desexo transcendente: “Paxariño do oeste/vaite máis para o oeste/coma quen que moriches/E volve polo leste”.

Comentarios