Opinión

6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca

Lembranza e conmemoración son dúas poderosas razóns que fundamentan esta publicación. A do centenario da primeira visita do poeta granadino a Galiza. A dos oitenta anos do asasinato de autor e de editor dos Seis poemas galegos, un maldito 19 de agosto de 1936.

É esta unha feliz iniciativa colectiva, coordinada por Suso Díaz e Helena Villar Janeiro, que acaba de saír do prelo de Biblos Clube de Lectores.

Alén da súa recoñecida motivación, o resultado é unha máis que digna edición na que se combinan colaboracións plásticas e creacións literarias —de autoría individual e colectiva— de corenta e tres autores galegos.

É este, polo tanto, un espléndido traballo, alicerzado tanto na xenerosidade coma no traballo colectivo

A obra presenta unha atractiva estrutura. Cada unha das seis partes que a integran encétase, respectivamente, con cadanseu texto incluído no libro saído da Editorial Nós en 1935: “Madrigal á cibdá de Santiago”, “Romaxe de nosa Señora da Barca”, “Cantiga do neno da tenda”, “Noiturnio do adoescente morto”, “Canzón de cuna pra Rosalía de Castro, morta”, “Danza da lúa en Santiago”.

Con cada un deles dialoga unha das láminas, o poema colectivo —composto polo conxunto dos poetas que participan en cada unha das seccións— e máis cada un dos poemas orixinais —destes autores/-as—. A resultante, ao final, fica simbolizada no algoritmo do título: 6 poemas 6.
 
A maiores do xa exposto, cómpre engadir que pecha a obra o acróstico  “A Ánxel Casal”, no que cada un/-ha dos/-as poetas participantes se responsabiliza dun verso desta composición en homenaxe de quen —a dicir de Castelao— “fixo por Galiza máis do que todos nós”.

É este, polo tanto, un espléndido traballo, alicerzado tanto na xenerosidade coma no traballo colectivo. Concibido para proclamar a voz inmorrente da práctica universal da liberdade expresada na nosa lingua. Apropiado para reclamar, neste tempo, —malia que se exerza dende ópticas diferentes— o valor do compromiso insobornábel coa nosa cultura e coa nosa terra.

Comentarios