Opinión

Xustiza, banca e democracia

A Lei que regula o imposto sobre as escrituras notariais determina o seu gravame ás custas do beneficiado pola mesma. Porén, o Regulamento que a desenvolveu dixo que nos prèstamos hipotecarios o suxeito pasivo do Imposto sería sempre o que recebe o préstamo.

A Sala do Civil do Tribunal Supremo (TS-Civ) declarou nulas as cláusulas contractuais dos préstamos hipotecarios que gravan os consumidores con todos os gastos e impostos derivados da operación. Porén, determinou que non podía incluir nas cantidades obxecto de devolución as cotas do Imposto, porque estaba obrigado a aplicar nese eido o Dereito Fiscal interpretado xurisprudencialmente pola Sala do Contencioso-Admvo. do Tribunal Supremo (TS-C.A.), que até o 16 deste mes dicía que o Regulamento era legal, cumpríndolle entón o pagamento dese tributo ao consumidor.

O día 16 pasado o TS-C.A. mudou a súa doutrina e declarou nulo por ilegal o artigo do Regulamento que lle cargaba co Imposto aos consumidores.  Para o TS-C.A. o beneficiado pola escritura notarial é o Banco, que adquire forza executiva fronte ao prestatario cara un pleito futuro e gaña unha garantía hipotecaria que suxeita de modo especial o ben inmóbel hipotecado para o pagamento do préstamo.

Velaí que, do 16 en diante, os Tribunais civís, entre eles o que define a doutrina legal aplicábel (TS-Civ.) haberían esixirlle aos Bancos a devolución da cantidade pagada polo Imposto, cos seus xuros legais (3% arestora) dende a data de pagamento. Porque a nulidade do devandito artigo do Regulamento tributario é inmediatamente efectiva e non ten recurso ningún contra dela.

Menos de 24 horas despois de se coñecer esta sentenza, o Presidente do TS-C.A. ordenou que todos os asuntos pendentes de recursos de casación pola mesma materia fosen resolvidos en Pleno polos 31 maxistrados no canto de polas súas Seccións separadamente. Deste xeito poderían quizais modularse algunhas das consecuencias da nulidade regulamentaria declarada, mais dificilmente a mesma nulidade. Porque, se o TS-C.A. non derivou esta cuestión para o Pleno no seu momento, a nulidade regulamentaria é moi dificilmente revogábel. 
 

O que vai ficar no maxín da cidadanía é a vulnerabilidade do cumio do Poder Xudicial a respecto das presións da banca como poder fáctico.  Recoñecer implícitamente esta vulnerabilidade, como fixo o Presidente do TS-C.A. coa devandita decisión, xera un dano enorme para a credibilidade da democracia. 

Comentarios