Opinión

Xogarmos coa saúde pública

O importante, xa nolo dicían os nosos pais e avós, é a saúde. Ao colexio moitos non imos voltar, mais polo centro de saúde e polo hospital pasa todo o mundo. A sanidade é a xoia da coroa do Estado do benestar. E os seus usuarios na Galicia saben que, malia os grandes esforzos do persoal sanitario do SERGAS, a deterioración da calidade asistencial, nomeadamente da hospitalaria, é un feito dende o 2011.

O importante, xa nolo dicían os nosos pais e avós, é a saúde. Ao colexio moitos non imos voltar, mais polo centro de saúde e polo hospital pasa todo o mundo. A sanidade é a xoia da coroa do Estado do benestar. E os seus usuarios na Galicia saben que, malia os grandes esforzos do persoal sanitario do SERGAS, a deterioración da calidade asistencial, nomeadamente da hospitalaria, é un feito dende o 2011.

"Malia os grandes esforzos do persoal sanitario do SERGAS, a deterioración da calidade asistencial, nomeadamente da hospitalaria, é un feito dende o 2011".

Preguntarmos se son os recurtes financeiros os causantes desta deterioración é insultar á nosa intelixencia. A Xunta opta por pechar 2600 camas no cuadrimestre do verán (un terzo do ano) e por consorciar con hospitais privados, mal dotados de persoal, no canto de cubrir as vacacións e baixas curtas dos sanitarios. Na tempada do nadal ocorre algo semellante. Xa que logo, se se adianta un ano o andazo da gripe, como pasou este ano, o caos asistencial está garantido.

Mais isto só é só o ronsel que vemos. No fondo está a pasar algo peor. Están a xubilar aos doutores aos 65 anos e só repoñen de 3 a 4 prazas por cada 10 baixas definitivas por morte ou xubilación.. A sanidade pública galega descapitalízase. E cando un outro Goberno galego queira mudar esta situación pode ser tarde.

"As resultas dos recurtes xa están aí. A falla de hematoloxía en Ourense e Lugo deu nunha mortandade cardiovascular máis elevada ca coruñesa, compostelá ou viguesa".

O noso país sofre os prexuizos dunha sanidade infrafinanciada (o avellentamento e máis o espallamento da nosa poboación requirirían 500 M€ máis), da factura en xuros da parte da débeda pública galega emitida cando a prima de risco era alta e da limitación do déficit autonómico imposta por Rajoy, mentres flexibilizaba o déficit estatal. Cando na Galicia é a Xunta a que paga os servizos importantes, fóra da cobertura do desemprego.

As resultas dos recurtes xa están aí. A falla de hematoloxía en Ourense e Lugo deu nunha mortandade cardiovascular máis elevada ca coruñesa, compostelá ou viguesa. Aos doentes de hepatite C négaselles o tratamento por cartos (que haberá que pagar máis importante ca saúde?). E na rúa moitos aconsellan, retranqueiros, non enfermar no verán, nas fins de semana nin no nadal.

Salvarmos a sanidade pública habería ser a primeira proposta de todo programa de goberno que quixer conectar coa cidadanía. Porque só unha sanidade pública de calidade garante o dereito á vida.

Comentarios