Opinión

Xogar con lume

Os hábitos democráticos haberían quitar a crise dos lumes do debate político para analisar o ocorrido e pedir as responsabilidades que procedesen tan logo rematase o perigo da vaga. Mais cúmprense nestas datas dez anos da crise de agosto do 2006. E daquela foi  o propio Núñez Feijóo (“es evidente que ha habido relajación por parte de la Xunta”,dícía o entón xefe da oposición) quen usou a vaga de lumes do xeito máis partidista posíbel. A hemeroteca, tamén de  fotografías,  está aí para dar conta do que facía cada quén. E esta hemeroteca non é agradábel para o Presidente da Xunta.

 O Goberno do PP non ten a culpa dos lumes. Mais si é corresponsábel, dende  a súa pasividade especulativa, do agravamento este ano dos seus danos.Non sempre chove en Galicia.

Mais coñecendo toda a cidadanía que os lumes prenden por accións voluntarias (tamén por temeridade delitiva) en condicións de máxima temperatura e vento e mínima humidade nun territorio cheo de matogueiras, compre analisarmos se os sete anos do goberno de Núñez Feijóo melloraron ou non as condicións de prevención e extinción dos lumes. Neste eido, a Lei de Montes do 2012 reduciu de 100 m a 30 m a franxa perimetral de protección (isto é, libre de biomasa) dos espazos urbanizados. Ao tempo, o PP aplicábase na deconstrución das medidas estratéxicas do conselleiro nacionalista Súarez Canal para fixar poboación no rural e previr lumes, desmontando o Banco de Terras e as Unidades de Xestión Forestal.

No curto prazo, neste 2016, semella claro que houbo relaxación (cando non certa especulación no alcance dos recurtes orzamentarios) na Xunta, que atrasou a campaña- e as contratacións na empresa pública Seaga- ao 13 de xullo, mentres os técnicos en emerxencias da Vicepresidencia anticipaban ao 1 de xullo o periodo de alto risco. Este ano faltaron os cinco avións que había nos anos pasados, ao ficar deserto o concurso. A Xunta dí que os vai substituir por helicópteros, pero nesta vaga aínda non entraran en funcionamento. Mentres, agroman queixas de alcaldes pola lentidude en acodir os medios aéreos e de brigadistas de Seaga pola improvisación, falla de medios e condicións de traballo.

O Goberno do PP non ten a culpa dos lumes. Mais si é corresponsábel, dende  a súa pasividade especulativa, do agravamento este ano dos seus danos.Non sempre chove en Galicia.

Comentarios