Opinión

Vacinación obrigatoria?

Hoxe é da máxima actualidade o debate sobre a vacinación obrigatoria, tanto no que se refire á obriga directa, baixo sanción, como á indirecta, cando estaríamos suxeitos a importantes limitacións na nosa vida pública de non nos vacinar.

O primeiro sería fixar un marco legal que permita decidir, caso por caso, a posibilidade de distintas graduacións de obriga directa ou indirecta das vacinas. Coa información dispoñíbel consonte co estado actual da ciencia semella que poden existir situacións epidemiolóxicas en abstracto que requiran desta obrigatoridade, directa ou indirecta, nomeadamente para determinados colectivos. Que requiran que cedamos substancialmente no noso dereito fundamental  á privacidade para garantir o dereito á vida e integridade física  de moitos. Velaí a xustificación dunha reforma da Lei Orgánica 3/1986, de medidas especiais de saúde pública, facultando á Xunta da Galiza e demáis Administracións autonómicas (titulares das competencias de Saúde Pública e únicos que teñen a información local epidemiolóxica  para decidir aqueladamente) a lexislar distintos graos de vacinación obrigatoria, sempre suxeitos aos requisitos de proporcionalidade, necesidade e axeitamento das medidas ás súas fins sanitarias.

Despois sería o Parlamento galego quen habería reformar a nosa lei de saúde para regular un procedemento transparente e participativo para que a Xunta adoptase eventuais medidas de obrigatoridade da vacinación directa ou indirecta, onde a comunidade científica e médica, as forzas  políticas e os axentes sociais poidan achegar as súas alegacións e suxestións. A resolución administrativa da Xunta, adoptada ao abeiro da así reformada Lei de Saúde da Galiza, sería revisábel polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) ao abeiro do procedemento urxente de protección de dereitos fundamentais, no que pode suspender cautelarmente as medidas administrativas adoptadas. Nesa revisión xudicial o TSXG decidiría se as medidas de vacinamento obrigatorio adoptadas pola Xunta serían legais, ao abeiro dos devanditos requisitos de axeitamento á súa fin sanitaria, proporcionalidade e necesidade.

É xustificábel adoptarmos na Galiza medidas de vacinación obrigatoria para a Covid-19?  Ao mellor  si para persoal da asistencia sanitaria primaria e hospitalaria e para traballadores das residencias da terceira idade e dependencia, mais non con carácter xeral, pois que: i) moi axiña estará vacinada voluntariamente máis do 90% da poboación vacinábel,  polo que son innecesarias e ii) non serían medidas proporcionais, tendo en conta que as empresas produtoras das vacinas de primeira xeración esixiron ser eximidos de toda responsabilidade por danos causados por éstas.

Por demáis, lembrar que, malia que os efectos positivos da vacinación xeral estean acreditados (na dispoñibilidade actual do coñecemento), nunha democracia requírese tamén dar unha información singularizada custo/beneficio por grupo de idade e circunstancias de saúde, de xeito que ese axuizamento se achegue ás características de grupo da persoa.

Cómpre regular o marco para adoptar medidas desta caste no futuro, mais semella que na Galiza de hoxe non teñen encaixe. 

Comentarios