Opinión

O tetrapartidismo

A meirande parte das análises a respecto da recente enquisa electoral do CIS reflicten a substitución do bipartidismo imperfecto (e dinástico)


A meirande parte das análises a respecto da recente enquisa electoral do CIS reflicten a substitución do bipartidismo imperfecto (e dinástico) do 2004, 2008 ou 2011 por un tetrapartidismo no que a vella política do PP e PSOE cede espazos á nova política de C´S e Podemos, sen por iso desaparecer de todo e mesmo retendo os primeiros postos, polo menos (no caso do PSOE) en escanos.

Porén, poucas análises limos ou escoitamos a respecto doutros dados evidentes na enquisa do CIS: millóns de cidadáns cataláns, vascos, galegos, navarros, valencianos ou mallorquíns votarán forzas propias. Canda os devanditos catro grupos parlamentarios, a enquisa do CIS anuncia grupos de seu  para a coalición na que sobrancea CDC e máis para ERC,  Compromis-Podems, PNV,  EH-Bildu, En Comú Podem e para a coalición galega En Marea. Estes sete grupos nacionalistas ou, cando menos, de marcada compoñente territorial obterían máis de 50 deputados.

As grandes canles privadas (a TVE segue a xogar aso bipartidismo dinástico dende a casa de Bertín Osborne) proxectan a idea errónea de que España resólvese a catro, dende formulacións estrictamente estatais

E estes dados refírense a unhas eleccións xerais estatais que os grandes media estatais (nomeadamente as catro canles do duopolio televisivo de Atresmedia-Mediaset, que representan máis do 80% do investimento publicitario con pouco máis do 40% de audiencia) reconducen ao devandito esquema tetrapartito, agachando esta realidade plurinacional. Nas eleccións autonómicas e municipais, onde este esquema é menos abafante, as forzas territoriais obteñen moitos mellores resultados.

Ou sexa, que dun xeito cada vez máis evidente as grandes canles privadas (a TVE segue a xogar aso bipartidismo dinástico dende a casa de Bertín Osborne) proxectan a idea errónea de que España resólvese a catro, dende formulacións estrictamente estatais. Dende visións centrípetas, por certo incompatíbeis coa moderna gobernanza europea que confía en estruturas en rede e non en cerebros únicos que todo o pensan e todo o saben.

Para Galicia o efecto letal desta conxuntura é a súa ausencia do debate estatal, fóra dos esforzos meritorios  de Nós Candidatura Galega e da propia En Marea para que emerxa nalgunhas ocasións illadas. Malia que, no caso dos mareantes, a pertenza de Podemos á coalición reconduza de feito boa parte da súa mensaxe á frecuencia estatal na que emite Pablo Iglesias. 

Comentarios