Opinión

O suspenso histórico de Núñez Feijóo

O economista Marcelino Fdz. Mallo é unha das cabezas mellor amobladas deste País. E ven de nós presentar unha serie de dados estatísticos (a fonte é o INE estatal) a respecto do emprego na Galicia e no Estado, comparando a primavera do 2009, cando Feijóo acadou o Poder galego e a actual primavera do 2016. Miren de sentar antes de lelos, porque son arrepíantes.

No segundo trimestre do 2009 (2T-09) a taxa de desemprego na Galicia era do 12,6% fronte ao 17,8% estatal. Agora, na fin do primeiro trimestre do 2016 (1T-16) o desemprego galego é do 18,2% fronte ao 21% estatal. A diferenza entre ambos os níveis pasou dos 5,2 pontos ao noso favor a apenas 2,8. Entre o 2T-09 e o 1T-16 o número de parados medrou un 36,7% na Galicia (de 167.000 a 228.000), fronte ao 15,7% do medre no Estado. Para máis, os dados da poboación activa son terríbeis tamén: encolleuse un 5,4% na Galicia fronte ao 2% no Estado.

Mais os peores dados son os da poboación inferior a 35 anos, porque aquí a poboación activa perde un 31,5% en sete anos, de 470.000 a 322.000, o que xunto cos dados do paro nestas franxas de idade dan nun 37% de redución da poboación ocupada de menos de 35 anos entre o 2T-09 e o 1T-16.

Os peores dados son os da poboación inferior a 35 anos, porque aquí a poboación activa perde un 31,5% en sete anos

Estas evidencias enténdense mellor se atendemos a que nestes anos liquidouse o subsistema financeiro de Galicia, reduciuse substancialmente o sector das enerxías renovábeis, agraváronse as crises endémicas dos sectores alimentario, mar-industria e monte-industria e desprezáronse absolutamente as políticas de reactivación empresarial. E desmontan absolutamente o mito de Núñez Feijóo coma bon xestor. Non, non é verdade. Nunca na Galicia tivemos un goberno tan ineficiente e tan incompetente.

As enquisas, por outra banda, comezan reflectir que a cidadanía galega xa non merca ese relato. Anúnciase para o vindeiro outono a grande probabilidade de que unha alternativa plural, quizais tripartita (espazo das Mareas, PSdeG e BNG) poida substituir no Goberno galego esta catástrofe. Velaí que sexa tan importante, para estas forzas da oposición, definir conxuntamente un programa de goberno realista e transformador, que reactive a nosa economía e dinamice a nosa sociedade adurmiñada.

Comentarios