Opinión

Superarmos o dependentismo

O unionismo en Galicia (chamado históricamente españolismo) desenvolveu sempre un discurso da dependencia. Galicia sería un país de economía e xentes atrasadas,que habería atopar apaños de subsistencia na emigración, na subordinación paifoca(as nosas elites colleron torticule de tanto ollar cara Madrid) e na esmola ou “solidariedade” estatal. Curtos periodos de relativa liberdade e aprezo polo propio, como o primeiro terzo do século XX ou a autonomía galega, nomeadamente os gobernos autonómicos tripartio (1987-1990) e de coalición BNG-PSdeG (2005-2009), amosaron que Galicia non era un país pobre, senón empobrecido pola súa dependencia política e económica a respecto duns intereses de Estado sempre alleos aos intereses galegos. Conectados, primeiro ás tradicionais oligarquías latifundistas castellanoandaluzas e, despois, ao capitalismo castizo xerado polo franquismo e enfortalado polas privatizacións felipistas e aznaristas.

A recentralización económica operada dende o aznarato (1996-2004), reactivada polo recorte de marxes da Grande Depresión e os case once anos de goberno de Núñez Feijóo radicalizaron esta dependencia, até o ponto de impediren as posibilidades de desenvolvemento da burguesía produtiva galega (velaí o caso do eólico), desfaceren o noso subsistema financeiro (Caixas, Bancos Pastor e Gallego) e de prescindiren progresivamente, ao tempo, da intermediación subordinada da burguesía galega máis dependente. A obsesión das elites españolas pon barreiras á globalización europea e desmonta calquera política autonómica e local eficaz para reter parte do mercado e da contratación pública ás empresas de capital galego.

Velaí que sexa fulcral, neste 2020 electoral, que os sectores produtivos e as forzas políticas galegas que poden xerar a remuda no Goberno deste país sexan conscientes da emerxencia na necesidade de despregarmos novas políticas que troncen de vez este suicidio dependentista. Políticas de reactivamento industrial e empresarial, de potenciación das novas tecnoloxías e I+D+i, de autoxestión portuaria, aeroportuaria e das nosas estradas e ferrocarrís, de uso do déficit e da débeda pública como pancas de desenvolvemento sostíbel. Políticas soberanas que garantan o uso da nosa enerxía a prol da nosa industria e un modelo de desenvolvemento eficaz do medio rural. Políticas de financiamento baseadas na autoxestión e recadación tributaria. Políticas de promoción exterior que poñan en valor a nosa posición xeoestratéxica nas canles de comunicación marítima Europa-América.

Ducias de milleiros de persoas de distintos sectores políticos e clases sociais partillan esta análise. O benesta futuro da cidadanía galega depende de superarmos o dependentismo.

Comentarios