Opinión

Solucionarmos as interinidades delongadas

A expansión obxectiva dos servizos públicos autonómicos e locais (esixencia do Estado do Benestar), canda a normativa estatal que restrinxiu ferreamente dende a Gran Depresión de 2008 a capacidade das autonomías e concellos para quitar ofertas públicas de emprego xerou o fenómeno das interinidades delongadas. Persoas que de primeiras entran no emprego público (normalmente a medio dunha listaxe consonte criterios de mérito e capacidade) para cubrir unha vacante e continúan logo de varios anos prestando os seus servizos, fornecendo unha necesidade estrutural da Administración Pública na que serven e sen oportunidade para consolidar o seu emprego por mor da falla de convocatoria das precisas probas para esa fin.

O Tribunal de Xustiza da Unión Europea declarou ilegais estas interinidades delongadas e obriga estabilizar o emprego público e máis a adoptar solucións concretas, declarando a fixeza do posto ou, de non se considerar viábel xuridicamente, recoñecendo unha dupla indemnización a prol da persoa interina, tanto pola súa delongada permanencia nesta cualidade como pola eventual perda do seu posto de traballo cando se cubra a vacante.

Na Galicia sofren esta caste de interinidades moitas persoas nas Administracións autonómica e locais, nomeadamente no Sergas, nas Consellarías de Educación e Política Social e en varias compañías e axencias públicas, como o Consorcio Galego da Igualdade e do Benestar. Este Consorcio contratou pouco máis de 300 persoas con carácter temporal a medio de probas selectivas no 2007, tendo en conta o carácter experimental desta fórmula de cooperación interadministrativa entre a Xunta e os concellos para dotar de medios persoais o cobizoso plan de atención ás crianzas de 0 a 3 anos e persoas maiores e necesitadas de inclusión do vicepresidente Anxo Quintana (BNG). A fins do 2008 convocouse a oferta pública de emprego que habería cubrir de xeito estábel estes postos, mais foi revogada cando chegou o PP á Xunta no 2009 e até de agora non volveu ser convocada, remanecendo mentres estes centos de persoas na súa delongada interinidade.

O Goberno do Estado non quere recoñecer a declaración como fixos daquelas persoas que non superen os procesos selectivos de estabilización previstos na reforma legal que promove, pretextando unha suposta inconstitucionalidade que non é tal. Porque xa no 1988 a lei galega da Función Pública do conselleiro nacionalista Pablo G. Mariñas declarou persoal laboral fixo a extinguir aos funcionarios interinos que non aprobasen os procesos de estabilización previstos na lei.

Velaí a solución para as interinidades delongadas.

Comentarios