Opinión

A segunda doutrina Botín

O Tribunal Supremo decidiu no 2007 que unha persoa non podía ser xulgada se só pedía a apertura do xuizo a acusación popular e non o Fiscal nin as persoas prexudicadas. Deste xeito Emilio Botín safou de ser xulgado polo asunto das cesións de crédito comercializadas polo Banco Santander. Claro é que no 2008 o Tribunal mudou a súa doutrina e condenou por desobediencia xudicial ao Presidente do Parlamento vasco, Juan Mari Atutxa (PNV) por non disolver o grupo parlamentario Sozialista Abertzaleak. Porque, como xa saberán nesta altura, no Estado español, o mesmo que na “Animal Farm” de George Orwell, todos somos iguais, pero algunhas sonlles máis iguais ca outras.

O Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) ten desenvolvido nos últimos anos un grande traballo a prol dos dereitos dos consumidores, corrixindo graves erros das leis e da xurisprudencia españolas, como na irretroactividade da nulidade das cláusulas de chan ou na necesidade de analisar condicións contractuais abusivas nas execucións hipotecarias sofridas polas persoas consumidoras.

Mais o 5-M o TXUE resolvía que os accionistas do Popular non poden reclamar do Santander (que adquiriu por un euro o negocio bancario do Popular no marco da liquidación deste banco acordada pola autoridade bancaria europea o 7 de xuño de 2017) a restitución do investido pola compra de accións na ampliación de capital emitida polo Popular en maio de 2016, malia que acrediten a nulidade desa compra por erro substancial no consentimento expresado no intre de mercar as accións.

O TXUE baséase nunha Directiva europea de 2014 que ordena que os accionistas han asumir as perdas dunha liquidación bancaria. Principio xurídico que é correcto, mais que até de agora interpretábase polo 95% dos Xulgados e Audiencias do Estado español no senso de que esa responsabilidade non prexudicaba o exercicio de accións de nulidade ou indemnizatorias polo feito case xeralmente aceptado da desaquelada información ofrecida no 2016 polo Popular, como xa dixeran os Tribunais españois nas sentenzas  das reclamacións pola saída a Bolsa de Bankia no 2012 e pola perda de valor parcial das preferentes e subordinadas.

O TXUE dí que a protección dos investidores é un principio esencial do Dereito europeo mais que a estabilidade bancaria é preferente. Mais ésta fica tamén fanada, pois que investir en Bolsa mercando accións de bancos será moito máis arriscado ca mercar eléctricas ou construtoras, cando as necesidades internacionais de capitalización bancarias cada vez son máis esixentes.

O xogo, porén, non rematou. Fica pendente un recurso potente contra o Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos, xa que esta interpretación atenta contra o dereito fundamental á tutela xudicial efectiva ao eliminar as únicas accións efectivas para garantir o interese dos investidores. Tamén as reclamacións da diferenza do valor que terían acadado os accionistas nunha liquidación  concursal.  E segue en curso a investigación penal contra os dous últimos consellos de administración do banco e os seus auditores, da que xurdirán directa e indirectamente pronunciamentos indemnizatorios.

Comentarios