Opinión

Salvarmos Sargadelos

Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane, dende o Laboratorio de Formas, crearon o Grupo Sargadelos. Querían un grupo empresarial comercialmente potente, financeiramente viábel, mais que fixese País na creación cultural, informativa e no benestar social. Velaí a fundación de Edicións do Castro e o Instituto Galego de Información.

“Cerámicas del Castro, S.L” (O Castro) ten case o 40% do capital social de “Fábrica de Cerámicas de Sargadelos, S.L.” (Fábrica de Sargadelos), o que lle permite o control indirecto da mesma e do Grupo Sargadelos todo.

No 2006 a xenerosidade e patriotismo de Isaac Díaz Pardo (que transmitira de balde importantes cotas do capital social a determinados colaboradores) privoulle do control d’ O Castro e, moi logo, por mor do seu control indirecto, da Fàbrica de Sargadelos e do Instituto Galego de Información. Entón, a nova maioría elixiu conselleiro-delegado ao socio Segismundo García.

No 2006 a xenerosidade e patriotismo de Isaac Díaz Pardo (que transmitira de balde importantes cotas do capital social a determinados colaboradores) privoulle do control d’ O Castro

 

Despois dun tempo no que se afastou da xestión, Segismundo García pactou no 2014 coa familia Vázquez Freire (beneficiarios daquelas cesións gratuitas de capital de Díaz Pardo) o seu nomeamento como administrador único da Fábrica de Sargadelos (xa que entre el e a devandita familia controlaban o 51% d’O Castro). Dende entón, a Fábrica de Sargadelos enfrontou un concurso de acredores e unha reorientación comercial e de proxecto que pasou por: i) liquidar todo o legado de Díaz Pardo e Seoane e todo compromiso cultural con Galicia (Instituto Galego de Información e Edicións do Castro); ii) Liquidar toda relación co Laboratorio de Formas, antes responsábel da dirección artística, do seu  “know how”. iii) Prescindir dos mellores técnicos da empresa, o que incrementou a porcentaxe de fallos na produción do 10-15% anterior a case o 40%; iv) Perder a identidade e o deseño orixinal como sinais propios, impedindo na práctica cara ao futuro garantir a merca dos produtos do Grupo na gama alta de prezo onde se moveron historicamente. 

Hoxe Segismundo García quere botar fóra ao 50% do cadro de persoal da Fabrica de Sargadelos pola súa incapacidade de dirixir a actividade empresarial nas marxes da Lei, pois quere descoñecer sentenzas xudiciais e convenios colectivos. Mais Galicia asume o risco da perda do patrimonio inmaterial do Grupo Sargadelos, hoxe administrado de xeito irresponsabel.

Cómpre salvarmos Sargadelos.

Comentarios