Opinión

O sacrificio persoal da galeguidade

Son recorrentes as opinións que acusan á nosa literatura, creación musical, cinema ou artes escénicas de sobrevivir por mor das subvencións

Son recorrentes as opinións que acusan á nosa literatura, creación musical, cinema ou artes escénicas de sobrevivir por mor das subvencións. Segundo estas opinións, os nosos escritores, músicos e creadores tentarían construír un espazo que lles garantise determinadas rendas para, deste xeito, non ter que competir no grande mercado español onde serían-disque-irrelevantes.

Non hai tal. O Goberno do Estado mantén un Ministerio de Cultura e un Instituto Cervantes que subvencionan case exclusivamente os productos literarios e culturais en castelán. Mercedes Peón, Susana Seivane ou Milladoiro están inéditos nas canles españolas de TV, mentres que a TVG acolleu xenerosamente a Manolo Escobar e María del Monte. Os nosos literatos asumen un labor penoso e complementario da propia creación: construír e viabilizar un sistema literario galego, mancando as vizosas posibilidades de suceso profesional que terían de se instalar no sistema literario español.  Cal non seria o suceso de Manuel Rivas, Suso de Toro ou Xavier Alcalá de escreber en castelan? Ferrín xa tería acadado o Nobel.

Mercedes Peón, Susana Seivane ou Milladoiro están inéditos nas canles españolas de TV, mentres que a TVG acolleu xenerosamente a Manolo Escobar e María del Monte

Na empresa temos os exemplos do sacrificio de Peinador, Ricardo G. Pastor e Valentín Paz Andrade. Na Igrexa os de Monseñor Arauxo e o teólogo Torres Queiruga, que en calquera país normal tería chegado a bispo.

Que dicir da política! Bóveda foi asasinado xudicialmente e Castelao houbo de se exiliar, confiscados os seus bens. Xosé Manuel Beiras, Camilo Nogueira, Paco Rodríguez ou  Pablo G. Mariñas terian desenvolvido, de pertencer ao PP ou PSOE, cómodas carreiras políticas, mesmo ministeriais. Pola contra, as súas foron carreiras do salmon, contra corrente, sometidos a un acoso ambiental implacábel que mesmo usou do bulo, desprestixio persoal ou acusación falsa para obter os seus obxectivos. E a persecución é tanto mais renarte canto mais se achega o galeguismo a unha praxe transformadora e realista. Velaí a  campaña de derrubo político e linchamento persoal sofrida hai anos por Anxo Quintana.

Pechen os ollos e pensen que seria deste Pais sen a achega intelectual, cultural, empresarial e política do galeguismo. Un ermo nun recanto afastado. Unha Galicia moi distinta, para peor, á que coñecemos.

Comentarios