Opinión

Os responsábeis do caso Angrois

A Sección da Audiencia con sede en Compostela vén de reabrir a investigación do accidente do Alvia (xullo 2013), anulando a resolución  que pechara a mesma e ordenara abrir xuizo oral só contra o maquinista. O Xulgado agora haberá pescudar moito máis polo miúdo, nomeadamente porque ADIF non identificou a xeito o problema de seguranza da propia curva de Angrois, verdadeiramente perigosa, ao emerxer o seu risco de súpeto e sen transición. 

A Audiencia non considera, porén, que a falla do novo sistema de seguranza ERTMS sexa delitivo por si propio. Mais abre unha porta a relacionar o grave perigo da curva de Angrois coa falla de medidas de seguranza que eviten dependermos dun só home. Porque no actual sistema de seguranza ASFA prévese que o maquinista poida perder a conciencia, mais non as distraccións, como si prevé o ERTMS. Xa que logo, a grave responsabilidade de ADIF sería permitir que na transición dun treito seguro a unha curva moi perigosa que esixe baixar a velocidade de 200 a 80 kms/h dependeramos dun só home. Dependencia que non existe nas liñas da Alta Velocidade Española (AVE) reais, é dicir a de Valencia, Sevilla ou Valladolid-Zamora. Velaí que sexa posíbel mesmo ampliar a condición de investigado a determinados responsábeis de ADIF pola  omisión de medidas de seguranza. 

Mais alén das responsabilidades penais están as responsabilidades políticas

Mais alén das responsabilidades penais están as responsabilidades políticas. Esas que non queren asumir un PP que agachou esas graves chatas de seguranza dende que chegou ao Goberno e un PSOE que inagurou a liña Ourense-Santiago de Compostela ás presas, sendo Pepe Blanco ministro en funcións. O que explica non ter mellorado a fasquía da curva,  omitir o sistema ERMTS e outras deficiencias a respecto do verdadeiro sistema AVE implantado noutros territorios do Estado.

Explícanse, deste xeito, os atrancos ás Comisións de investigación nos Parlamentos estatal e nacional, os bloqueos informativos, a falla de investigación admnistrativa real ou o activismo da Consellaría de Xustiza para substituir os peritos independentes primeiramente nomeados polo xuiz Aláez por funcionarios da Xunta. Algo cheira a podre nos restos dos comboios do Alvia.

Comentarios