Opinión

A renda básica universal

Nos anos 70 do século pasado abriuse nas Cámaras lexislativas dos USA o debate sobre a renda básica universal, é dicir, sobre un ingreso mínimo non suxeito a condición ningunha que recibirían todos os residentes. Republicanos e demócratas discrepaban non sobre a bondade da proposta (que os dous partidos vencellaban a esixencias derivadas da dignidade da persoa), senon sobre a contía da mesma. Hoxendía esta renda universal está recoñecida como dereito no estado de Alaska e na provincia canadiana de Ontario, mentres que Finlandia vaina implementar axiña con carácter experimental.

Esta proposta xa non pertence ao ámbito da esquerda máis radical, senón que vén de ser asumida como proposta transversal por todo o abano social e político. No foro de Davos lévase debatindo dous anos e o lobby de Silicon Valley recoñece a necesidade desta renda. Porque xa non é cuestión de dignidade das persoas, senón de cohesión social. Malia que todas as revolucións tecnolóxicas xeran novos empregos no medio prazo, no curto destrúense. Calcúlase que cos procesos de robotización perdéranse millóns dos actuais empregos. Sen renda básica universal millóns de persoas estarán condenadas ao precariado, cando non á fame. As consecuencias en termos de delincuencia e violencia social poden ser terríbeis. 

Sen renda básica universal millóns de persoas estarán condenadas ao precariado, cando non á fame

A renda básica universal, ademais, ten outros efectos sociais e económicos positivos. Absorbe todas as prestacións asistenciais inferiores, permitindo  liberar amplos recursos humanos e econòmicos até de agora adicados ao control burocrático dos solicitantes destes subsidios. Tamén melloraría o funcionamento do mercado de traballo, porque lle daría ás persoas a posibilidade de non se conformar con empregos lixo. Pola contra, non desincentivaría a a busca de traballo, xa que a grande maioría da poboación tentaría acadar ingresos superiores a unha renda que garantiría dignidade, mais non o acceso a bens de consumo distintos dos básicos.

O debate está aí, para toda Europa, malia que sería preciso que fose a propia Xunta de Galicia quen definira, co acordo social, a contía e regulamentación desta renda, evitando calquera plantexamento recentralizador ou uniformista.

Comentarios