Opinión

Remuda xudicial contra a corrupción

O Fiscal Superior de Galicia, Carlos Varela, ven de propór no Parlamento unha nova estratexia xudicial para loitarmos eficazmente contra a corrupción institucionalizada que afoga o noso país.

O Fiscal Superior de Galicia, Carlos Varela, ven de propór no Parlamento unha nova estratexia xudicial para loitarmos eficazmente contra a corrupción institucionalizada que afoga o noso país.  E, de xeito prioritario, chamou a atención sobre da necesidade dunha fonda remuda no proceso penal e na organización da xustiza criminal.

"O mesmo xuiz que investiga está encargado de mirar polos dereitos dos investigados. Unha grave anormalidade democrática"

O Estado español constitúe unha excepción exótica na Europa  canto á investigación penal. Porque o mesmo xuiz que investiga está encargado de mirar polos dereitos dos investigados. Unha grave anormalidade democrática, pois non se pode repenicar estando na misa. A instrución penal dos delictos de corrupción e formas de delincuencia económica sería máis eficaz e, tamén, máis garantista  cun Ministerio Fiscal autenticamente independente que coordinase equipas interdisciplinares para as pescudas, nun sistema controlado por xuices de garantías, non investigadores, que mirarían, ao tempo, pola igualdade procesual para que a defensa tivese acceso pleno ás pescudas da Fiscalía. E decidirían sobre fianzas, prisións preventivas (sempre con carácter excepcional), extensión e límites da investigación (escoitas, etc.), nulidade de determinadas actuacións de pescuda e semellantes.

"A corrupción, en último de contas, require tamén -e sobre todo- de medios materiais e personais, dos que nunca nin PP nin PSOE dotaron a xeito a Administración de Xustiza".

Mais outra das claves está no achegamento da xustiza penal á cidadanía, suprimindo ese enxendro da Audiencia Nacional que vulnera o dereito ao xuiz ordinario legalmente predeterminado e asumindo na próxima remuda constitucional a necesidade de internalizar a xustiza como Poder autonómico integrado no noso sistema de autogoberno ,co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia como peche do sistema . Así como de garantir a independencia xudicial que hoxe non existe nos Tribunais Supremo, Constitucional e de “Cuentas”. 

A corrupción, en último de contas, require tamén -e sobre todo- de medios materiais e personais, dos que nunca nin PP nin PSOE dotaron a xeito a Administración de Xustiza. Porque con medios abondo garantirase máis doadamente a excepcionalidade do segredo de sumario, a limitación dos macroprocesos e máis a limitación temporal das instrucións. Esixencias todas dunha xustiza democrática, por definición garantista e eficiente.

Comentarios