Opinión

Reducirmos a Administración do Estado

Levo denunciando máis de catro anos a incapacidade das esquerdas españolas para artellar unha coalición progresista de goberno canda as forzas soberanistas e territoriais das distintas nacións e rexións do Estado.. Porén, recoñezo que a alternativa da dereita extremista e trifásica, do españolismo do “a por ellos”,é moito peor.

Mais compre recoñecer que a estrutura do novo Goberno do Estado, con 22 departamentos-4 deles Vicepresidencias- é desaquelada, como todas as dos anteriores Gobernos do Estado dende fins do século XX, logo da grande descentralización de gasto e xestión (non así de ingresos nin de normativas) operada nos últimos vinte anos do século devandito.

Créase un Ministerio de Consumo para a cota IU de Unidas Podemos, cando todas as competencias están transferidas ás Administracións autonómicas. Mesmo engadíndolle as competencias de xogo, até de agora en Facenda, fica o Departamento no absoluto baleiro, pois que a normativa urbanístico-territorial, administrativa xeral e fiscal que ordena o sector do xogo é de competencia autonómica.

Sanidade e Educación non teñen competencias de xestión e executivas reais, só as da lexislación básica. Traballo só retén competencias normativas, a xestión e execución son autonómicas. Cultura e Deporte están transferidos na súa case totalidade. Vivenda está transferida na súa totalidade, canda moita parte das políticas transversais de Igualdade.

22 Departamentos, 17 Delegados de Goberno e máis de 60 subdelegados do Goberno canda o resto dunha Administración periférica do Estado totalmente prescindíbel. Dende a realidade dunhas Administracións locais e autonómicas próximas á cidadanía e do imperio actual das novas tecnoloxías, os devanditos Delegados e Subdelegados haberían ser suprimidos e a Administración periférica estatal transferida.

Mais esta decisión ven dun Goberno que, teoricamente, acredita no afondamento do Estado autonómico, como ven de de se comprometer co BNG e PNV para a substancial ampliación dos autogobernos galego e vasco. Xa que logo, as grandes duplicidades Administrativas que existen e existirán, por mor do sobredimensionamento da Administración do Estado, só se entenden para contentar os intereses burocráticos-permanentes- de todos e cada un dos partidos estatais: colocar cantos máis cadros mellor.

O esquema orgánico deste-e dos anteriores- Goberno xera gasto improdutivo, duplicidades administrativas a eito e vai contra a corrente xeral doas países modernos e progresistas, que apostan por xestionar e gobernar en rede e horizontalmente, no canto dos vellos esquemas centralistas dun único cerebro que coñece todo, pode con todo e é quen de mandar en todo.

Comentarios