Opinión

Recurtes e fraude fiscal

Calquera persoa cunha mínima sensibilidade humana reaccionará diante da decisión do PP de non lle financiar o tratamento aos doentes da hepatite C.

Calquera persoa cunha mínima sensibilidade humana reaccionará diante da decisión do PP de non lle financiar o tratamento aos doentes da hepatite C. Porque esta decisión abéirase só nunha cuestión de cartos: “o sistema público de saúde non pode pagalo”, amosando unhas prioridades de gasto absolutamente afastadas do sentido común e dos máis elementais valores da inclusión e cohesión social. Hai cartos para a promoción taurina, Deputacións e gastos duplicados na defensa e non os hai para lle salvar a vida ás persoas? O despexo da sede parlamentaria dos doentes, ao tempo, denuncia que as reducións nas prestacións do Estado do Benestar adoitan adubiarse con visións restritivas das liberdades de expresión e manifestaciòn.

"Grande parte destas elites decidiron que o esforzo fiscal só habería pesar sobre traballadores e autónomos, as empobrecidas capas medias e as pequenas e medianas empresas".

Velaí a importancia das revelacións de Falciani. Revelacións que, xunto con outras pescudas publicadas ou no seu decurso, reflicte que a evasión fiscal é estrutural para unha maioría das sociedades que cotizan no IBEX 35 e que constitúen a elite que controla o funcionamento das entidades financeiras e da economía regulada española. Si, leron ben. Grande parte destas elites decidiron que o esforzo fiscal só habería pesar sobre traballadores e autónomos, as empobrecidas capas medias e as pequenas e medianas empresas. O HSBC, como outros bancos, colaborou eficazmente a que os máis ricos do mundo non paguen nada ou case nada. Nada que non teñan feito algúns Gobernos. Eis as denuncias de grandes empresarios norteamericanos por pagar menos ca os seus empregados ou das organizacións profesionais dos inspectores tributarios españois a respecto do noso Imposto de Sociedades, que determina que os xigantes corporativos paguen polos seus beneficios reais moi inferior porcentaxe ca as empresas medianas.

"Existe unha coalición eficaz para que as grandes corporacións e as grandes fortunas fiquen á marxe do financiamento dos servizos públicos". 

Quere isto dicir que, tanto no nível global canto nos níveis locais, existe unha coalición eficaz para que as grandes corporacións e as grandes fortunas fiquen á marxe do financiamento dos servizos públicos. Dándose o paradoxo de que sexan estes mesmos sectores os que propugnen a retirada, polo menos parcial, do sector público da sanidade para abrilo ás grandes aseguradoras estatais e multinacionais, nas que partillan eles propios.  

Comentarios