Opinión

Recuperarmos o Pastor

O novo Consello de Administración do Banco Popular vén de recoñecer que a ampliación de capital do pasado mes de xuño non foi abonda para garantir a solvencia da entidade e, xa que logo, vén de abrir o proceso para a adquisición do banco por outra entidade. A concentración bancaria avanzará, xa que logo, en claro prexuízo dos intereses dos consumidores e das empresas, mentres que o recoñecemento implícito de que o anterior Consello de Administración non lle contou a verdade aos investidores sobre a situación patrimonial do banco abre a vía para que os xuíces poidan anular as suscricións por clientes minoristas de accións da entidade creadas en virtude da ampliación de capital última, con recuperación íntegra do diñeiro investido.  

O Banco Popular no seu día absorbeu o Banco Pastor, pero meses despois segregou unha nova entidade tamén chamada Banco Pastor, con personalidade xurídica, marca e ficha bancaria de seu. Ao Pastor fóronlle adscritos os activos e pasivos de case todas as oficinas do grupo no país. O Pastor é, hoxendía, un banco saneado, con 212 oficinas, 20% de cota de mercado en Galicia e unha vocación de banca de pemes. A marca ten boa reputación, como amosa o feito de que mentres moitos clientes do Popular retiran total ou parcialmente os seus depósitos os do Pastor remanecen estábeis.

Quen merque o Banco Pastor ten a garantía de gañar cartos dende o primeiro día

Quere isto dicir que quen merque o Banco Pastor ten a garantía de gañar cartos dende o primeiro día. Por outra banda, o Banco Popular obtería con case total probabilidade máis fondos vendendo separadamente ambas as entidades. E se para mercar o Popular só contan os grandes bancos estatais, para mercar o Pastor o abano poderíase abrir á banca e fondos internacionais e aos propios capitais galegos.

E velaí a grande oportunidade que se podería abrir: que capitais galegos poidan adquirir o Pastor. A rendibilidade económica da operación estaría garantida, á vista do valor da rede e da marca, mentres que o posíbel valor de adquisición podería abanear entre 200 € e 300 M€, segundo fontes profesionais bancarias. É dicir, un valor para nada desaquelado. Xa que logo, cómpre que a Xunta lidere dende a discreción as actuacións necesarias para aproveitar esta oportunidade histórica.

Comentarios