Opinión

Quen xestiona as residencias da terceira idade?

Desculpen que lles amole cunhas estatísticas arrepiantes. Das 726 persoas que, supostamente, morreron neste País dende o 13-M até o  25-S pola Covid-19, o 44% faleceron en residencias da terceira idade. Destes só unha persoa morreu nunha residencia de xestión pública, todas as demáis en residencias de xestión privada. E, destas residencias privadas, as do grupo Domus Vi (11,54% das residencias na Galicia, 20,65% das prazas) xuntaron nada menos que o 42,30% das mortes.

Seguimos co grupo Domus Vi. Unha praza privada nas residencias deste Grupo empresarial (moitas veces unha solución-ponte para as familias con maiores dependentes durante un ou dous anos até que acadan unha praza financiada pola Xunta) custa uns 2.400 €/mes. Destes 2400 €/mes , Domus Vi inviste entre 4 e 5 €/día (menos de 150 €/mes) na alimentación da persoa residente.

No ámbito do Estado español Domus Vi é un grupo de 58 empresas, sendo as principais que explotan residencias da terceira idade  a súa principal marca, Geriatros, de orixe viguesa e Sarquavitae, empresa de orixe barcelonesa mercada polo Grupo no 2017. A sociedade española matriz do Grupo é Geriavi. Geriavi tivo perdas no 2018 por mor das amortizacións e xuros aboados pola súa ampla política da merca de empresas prestadoras de servizos da terceira idade. Mais velaiquí unha ferramenta de evasión fiscal que ten usado Geriavi. Para financiaren a adquisición desas novas empresas,, Geriavi paga xuros anuais do 7,75% á súa matriz, a francesa Homevi, cando os xuros de mercado que aboa non sobardan o 3,5-4%. Dende 2015 Geriavi asinou préstamos polos que pagou 55,1 M€ de xuros. Porén, máis ou menos 27 M€ constituiron gastos non xustificados. Velaí unha evasión fiscal duns 8-9 M€, máis recargas e multas. 

Pois ben, con toda esta realidade por diante, coas catástrofes acaecida e en proceso das residencias de Celanova e d´O Incio, coa proba documentada da non hospitalización de doentes graves por Covid 19 das residencias de Domus Vi de San Lázaro (Santiago de Compostela) e Matogrande (A Coruña) o PPdeG ven de rexeitar unha comisión parlamentaria de investigación, xustamente cando veñen de cesar pola súa aberta incompetencia ao director xeral de Maiores até agosto de 2020, Ildefonso de la Campa e outros cargos da consellaría de Política Social.

Cómpre construirmos un País para a xente idosa. Mais antes haberíamos pescudar en todas estas irregularidades e desmontar un sistema cheo de abusos. Porque o presidente Feijóo e a conselleira Fabiola García evitan a transparencia? A quen beneficia agachar os feitos?

Comentarios