Opinión

Quen adoutrina?

A historiografía española do século XIX construiu un relato que databa España como realidade unitaria dende os godos e que explicaba a Idade media como un proceso de Reconquista dende o reino de Asturies de D. Paio até os Reis Católicos. España como nación xurdiría hai máis de 500 anos, cos Reis Católicos. Galicia sería parte secundaria do Reino de Asturies-León, Catalunya parte secundaria da Coroa aragonesa e Biscaia parte secundaria de Castela, mentres se agachaba a euskaldunidade do Reino de Navarra. 

Velaí a historia que deprendemos xeracións enteiras. E resulta que non había tal. A historiografía recente redescobriu a centralidade de Galicia na historia ibérica e europea. Fomos o primeiro “regnum” da Europa, cos suevos, no século V. Os cronistas árabes e francos dos séculos IX e X descoñecían os reinos de Asturies ou León e nomeaban Galiza o grande reino occidental, para distinguilo da España musulmá. Até principios do século XIII o Reino occidental é un Reino galego, de reis galegos que ten en Compostela o seu referente.

O euskaldún Eneko Ariza fundou o Reino vascón de Pamplona, que axiña integrou todos os territorios de fala basca agás o Señorio de Biscaia e chegou ser o principal Reino cristián da península, canda o de Galicia (que integraba tamén León e Asturies) no século XI. Biscaia, pola súa banda, mantivo a súa independencia asumindo voluntariamente o Rei de Castela como Señor de Biskaia. A independencia de feito de Biscaia e Navarra (os dous referentes políticos de Euskadi ao longo da historia) chegou até mediados do século XIX e explica a vixencia do concerto basco e do convenio para recadar os tributos.

O Conde de Barcelona unificou no século X os demais condados cataláns e converteuse por matrimonio no Rei de Aragón en 1134. A unión catalanoaragonesa respectou a independencia de ambos os dous territorios. No século XIII o rei Jaume I conquistou Mallorca con cataláns e o País Valencià na súa meirande parte con cataláns e nalgunhas comarcas do interior con aragoneses. A Coroa catalanoaragonesa respectaba a plena autonomía dos Reinos de Mallorca, Valencia e Aragón e do Principat catalá, que constituía o núcleo esencial da Coroa. Os cataláns chegaron conquistar Sardeña, Sicilia e Nápoles.

Quen adoutrina?

Comentarios