Opinión

Primeiros na austeridade, derradeiros na reactivación

A situación política galega enfronta a fin do ciclo das políticas de recurtes  do Goberno Feijóo


A situación política galega enfronta a fin do ciclo das políticas de recurtes do Goberno Feijóo. Cando comezou o seu mandado, hai seis anos e medio, Galicia aturaba moito mellor a crise por mór da súa máis baixa exposición ao mercado de segunda vivenda e á economía do ladrillo. Hoxendía, facendo balance de danos, Galicia é campioa dos recurtes, ao rematarmos 2014 con só un 1,02% de déficit, o que significa pagar a crise  con peor sanidade, educación e servizos sociais. Mais tamén fomos campións estatais na destrución de emprego  entre 2009 e 2014 (6,2%), segundo a oficina estatística da UE Eurostat. Algúns dados deste periodo son terríbeis: perdimos o 28% do emprego industrial, pasando de 220.000 traballadores industriais a 160.000, entre eles o 80% do emprego do sector eólico. Os ocupados en Galicia baixaron de 974.000 a 923.000 entre 2011 e 2014, das resultas da sangría migratoria da nosa poboación máis xove e preparada.

Galicia é campioa dos recurtes, ao rematarmos 2014 con só un 1,02% de déficit, o que significa pagar a crise con peor sanidade, educación e servizos sociais

Os dados da contracción do crédito da nosa economía, tirados de estatísticas  do Banco de España analisadas polo economista Aleixo Vilas neste SERMOS GALIZA [no semanario número 166, publicado o 8 de Outubro], son abraiantes. Entre 2009 e xuño do 2015 Galicia pasou de 71.283 a 44.059 M€ de créditos, perdendo un 38,2%, mentres medraban os seus depósitos un 7,2% de 53.872 a 57749. Dun superávit crediticio duns 18.000 M€, pasamos a financiar os investimentos doutros por case 13.700 M€. Mentres Galicia cun 6% da poboación do Estado retén só un 3,15% do crédito, Madrid cun 13,75% da poboación abrangue máis do 27%. Velaí os efectos da recentralización e oligopolización bancarias e da liquidación de facto do IGAPE.

Esta evolución non foi froito da casualidade, senón directa consecuencia de seis anos e medio dunha política de recurtes que renunciou a toda medida de reactivación, agás a relativa continuidade das axudas do goberno de coalición BNG-PSOE ao sector do automóbil. A Xunta do PP non protexeu aos sectores maduros e estratéxicos da nosa economía. Tampouco atendeu aos sectores emerxentes nin soubo identificar as avantaxes competitivas da economía galega. 

Estamos a pagar, pois, sermos os primeiros da austeridade e os derradeiros na reactivación.

Comentarios