Opinión

O porto exterior d’A Coruña

De certo que o alcalde coruñés non estivo acertado cando fixo nunha palestra en Madrid a comparanza entre o porto exterior e o aeroporto de Castellò.

De certo que o alcalde coruñés non estivo acertado cando fixo nunha palestra en Madrid a comparanza entre o porto exterior e o aeroporto de Castellò. De feito vén de recoñecelo nunha entreviata radiofónica. Mais o balbordo xerado por determinadas instancias coruñesas ten moi outras claves ca a defensa dos intereses económicos da cidade.

O proxecto do porto exterior d’A Coruña naceu dun pacto entre o alcalde Francisco Vázquez e o ministro Álvarez Cascos, nas datas do Consello de Ministros celebrado na cidade en xaneiro de 2004. Daquela, desbotando outras alternativas máis viábeis, déuselle pulo ao proxecto de Punta Langosteira. Elemento esencial do acordo era que A Coruña habería financiar aproximadamente unha terceira parte do investimento (180 a 200 M€) alleando como solo para a promoción inmobiliaria os terreos públicos do actual porto, previa desafectación dos mesmos.

Velaí que Xulio Ferreiro teña toda a razón ao rexeitar que o porto d’A Coruña sexa o único no Estado que requira para o seu financiamento da achega da cidade a medio da venda do seu patrimonio. Que requira para o seu financiamento dun “pelotazo” urbanístico, planificado polos mesmos axentes do chamado “lobby coruñés”. Un lobby hoxendía liquidado pola historia.

Velaí que Xulio Ferreiro teña toda a razón ao rexeitar que o porto d’A Coruña sexa o único no Estado que requira para o seu financiamento da achega da cidade a medio da venda do seu patrimonio

O certo é que o alcalde coruñés soubo distinguir a dubidosa orixe da obra do Porto Exterior das grandes posibilidades de futuro para a área urbana e para Galicia inducidas por esta grande infraestrutura. Velaí o road show promocional que o Concello, canda a Cámara de Comercio, vai desenvolver na China. Por certo, sen a presenza da Autoridade Portuaria, prisioneira da táctica partidista ditada polo ex alcalde e líder provincial do PP, Carlos Negreira.

O porto exterior d’A Coruña, canda o de Ferrol, son elementos fundamentais para crearmos empresa e riqueza neste país. Mais precisa dunha conexión ferroviaria urxente e do financiamento público. Se houbo recursos públicos para Xixón non se nos pode esixir aos coruñeses que financiemos parte substancial da obra portuaria e, aínda por riba, que lle entreguemos a cerna da cidade á especulación en beneficio duns poucos que queren gañar sempre.

Comentarios