Opinión

A policía de Galicia

Os atentados de Bruxelas amosaron graves deficiencias na coordinación das policías e servizos de información europeos. Precisamos na Europa unha única defensa, unha única diplomacia e unha coordinación de intelixencias e policías a xeito. Se non, os islamistas hanos comer polos pés.

Galicia é un país tranquilo, de pouca delincuencia. Mais a súa seguranza debe mellorar substancialmente. A Garda Civil en Galicia ten unha equipa humana fantástica, a chata é o seu carácter militar, probábel responsábel de repartos arbitrarios de quendas, complementos salariais e, en último de contas, de elevados -e xustificados- absentismos por Incapacidade Temporal. Dende 2007, Galicia conta co seu propio Corpo de Policía de seu (conxelado, que non suprimido, polo Goberno Feijóo), que integrara á Unidade da Policía Nacional adscrita e podería integrar baixo parámetros civís ao 90% da Garda Civil na Galicia.

O Tráfico é claro exemplo de cómo poderíamos mellorar cunha policía galega e civil. O esquema militarizado e centralista actual é ineficiente (Catalunya e Euskadi, con policías de seu, presentan moita menos sinistralidade). Cómpre considerarmos a densidade da nosa rede secundaria e o noso espallamento poboacional, impondo un modelo de prevención e aprendizaxe, lonxe do puramente recadatorio actual.

O Tráfico é claro exemplo de cómo poderíamos mellorar cunha policía galega e civil

A Garda Civil ten excelentes equipas humanas na Policía Territorial, ecolóxica (SEPRONA, que traballa en ámbitos de competencia autonómica), menores e violencia machista (o EMUME) ou marítima (a Garda Civil do Mar) que renderían moito mellor nun esquema civil, suxeito ao mando político da Xunta e ao control democrático do noso Parlamento.

Así mesmo, os incidentes de orde pública con seareiros do Celta e Dépor, 25 de xullo en Compostela, preferentistas, emigrantes retornados ou xentes do mar e do gando nos aprenden a necesidade de que na prevención da orde pública interveñan funcionarios policiais con raigame persoal no País, que entendan a dimensión real dos problemas e eviten represións absolutamente innecesarias.

Cómpre prantexar o despregamento da Policía de Galicia, entendendo ás Policías Locais integradas no mesmo sistema de seguranza, malia que en distintos Corpos.

Comentarios