Opinión

O poder do duopolio televisivo

A garantía efectiva das liberdades de expresión e opinión require dunha oferta real de pluralidade informativa.


 
A garantía efectiva das liberdades de expresión e opinión require dunha oferta real de pluralidade informativa. Previrmos a concentración mediática, previrmos os oligopolios informativos, constitúe unha función esencial dos Gobernos nunha democracia avanzada. Porque esta concentración non só ameaza esta pluralidade cara á cidadanía, senón que deprime a actividade económica e o emprego no eido das industrias audiovisuais e culturais, ameazando tamén deste xeito á diversidade cultural. E tamén distorsiona o acceso ao mercado publicitario por parte dos outros operadores.

No Estado español os grupos audiovisuais Mediaset e Atresmedia abranguen once canles en aberto, con algo máis do 50% da audiencia. Porén, acadan o 88% do investimento publicitario, a medio do abuso da súa posición de dominio, como lles poderá contar calquera profesional da publicidade de medios, nomeadamente os que desenvolven as grandes campañas estatais.

A garantía efectiva das liberdades de expresión e opinión require dunha oferta real de pluralidade informativa

Como se chegou á situación actual de duopolio? Pois coa total colaboración dos gobernos do bipartidismo dinástico. De primeiras (1988) só se outorgaron dúas concesións para A3 e Tele5, refugando concesións autonómicas. Despois permitiuse emitir en aberto á Cuatro e outorgóuselle unha nova concesión, xa de TDT, a La Sexta. Logo, vulnerando a lexislación sobre libre concorrencia, aprobouse  a adquisición da Cuatro e de La Sexta por  Mediaset  e Atresmedia. Nunca existiu un control efectivo sobre o respecto ao pluralismo cultural nestas concesións televisivas estatais, malia estar vencellados concesionalmente co seu respecto. Mesmo permitíuselles liquidar toda programación territorial para que gañasen máis.

E, por mor da complicidade deste bipartidismo dinástico, velaiquí as resultas do duopolio televisivo tanto no mercado publicitario e no eido das industrias culturais e audiovisuais como na oferta informativa. Unha opción política prácticamente inexistente hai once meses fóra de Catalunya vén de acadar representación parlamentaria na Galicia, malia recoñecer a súa carencia de propostas para o noso País e manifestar o seu descoñecemento e falla de empatía a respecto dos problemas da nosa cidadanía.

Comentarios