Opinión

Persoas egoístas, persoas responsábeis

Estamos a vivir circunstancias inéditas para a miña xeración e, probábelmente, para varias das anteriores e todas as posteriores. Diante destas probas todos botamos mán do background, do que temos asumido como parte da educación recebida.

 Na Coruña e en Boimorto moitos lembraredes un bó amigo do mestre Arsenio Iglesias, o transportista Manolo Gª Quintela, o Navallas. Un día, case neno o Xoán Antón, espetoume “Neno, no mundo só hai dous tipos de persoas; os egoístas e os responsábeis”.

Confésovos que dubidei anos sobre o absoluto do tal xuizo. Mais nesta crise sanitaria entendín que Navallas acertaba. Egoístas e responsábeis. Egoístas omnipresentes nesa enxurrada de residentes madrileñxs que só pensan no seu cú cando marchan desa hipertrofiada capital para contaxiarmos aos indíxenas da Galicia. Egoístas presentes nunha minoría da cidadanía galega que semella entender moi ben o que latricaban Trump ou outros líderes políticos da extrema dereita: “que se amolen os demáis e cada un que mire polo seu”. Verdadeiramente son minoría. Mais  concordarede comigo que no 1995 ou 2000 estas barbaridades xa estaban presentes nos miolos de moita xente. Mais ningúen as botaba fóra. Agora xa as bota fóra unha minoría. A ver no 2022, por exemplo.

Pola contra son maioría as persoas responsábeis. As que asumimos as moi restritivas disposicións de emerxencia sanitaria da Xunta de Galicia, malia a falla de sentido da utilización por Feijóo da lingua exclusiva desas persoas egoístas que nos invadiron dende Madrid. Por certo, usando da lexislación de emerxencias aprobada no 2008 polo pasado Goberno de coalición BNG-PSdeG Tamén as posteriores, absurdamente adiadas polo Goberno Central, que habería ter pechado Madrid o o 10 ou 11 de marzo canto máis. Unha omisión que ten determinado quizais mais dos dous terzos dos afectados polo virus en Galicia.

Hai quen dubidou neste tempo das avantaxes do Estado autonómico para adoptarmos as decisións acaídas nunha crise sanitaria. O que ficou abondo demostrado é que se viviramos nun Estado centralizado a resposta tería sido moito máis lenta e pouco eficaz. E que se a Cidade e Rexión madrileñas non fosen tan fulcrais para o chamado Reino de España as Autoridades Sanitarias protexerían de xeito moito máis eficaz o que desaqueladamente chaman na Praza de Colón periferia ou provincias.

Malia todas estas ensinanzas o Goberno do Estado que non foi quen a pechar Madrid restrinxiu os movementos das persoas coa mesma intensidade en todo o territorio, ordenando unha recentralización de competencias sanitarias, de interior e de transportes cando se demostrou que estes temas manéxanse moito mellor dende a proximidade. Agardemos que o Ministro de Sanidade non dispoña de ningún dos recursos sanitarios de Galicia en favor doutro territorio.

  - Navallas, tiñas razón As persoas son egoístas ou responsábeis.

Comentarios