Opinión

O perigosísimo alargamento do concepto do terrorismo

No réxime da democracia liberal a liberdade de expresión inclúe a crítica ideolóxica e política, mesmo para  fins de transformación ou mesmo subversión da orde social. O límite é a comisión de delictos, de actos violentos. No Estado español esta doutrina ten sido ratificada a eito polo Tribunal Constitucional en moitas da súas sentenzas, dende hai máis de trinta anos.

Mais a liberdade de expresión ten os seus límites, como nos aprende o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos. A protección non acada os abusos desta liberdade,  entre eles a apoloxía da violencia política e os discursos do odio (hate speech). Velaí o artigo 578 do Código Penal (CP) que sanciona os delictos de apoloxia do terrorismo, entendendo por terrorismo calquera delicto grave violento, informático ou de falsidade documental que tenta a subversión da orde constitucional, a alteración grave da paz social, das institucións políticas ou das estruturas sociais e económicas, a coacción ás Autoridades e  o terror social.

O que semella pouco comprensíbel é o alargamento do concepto de terrorismo (e, xa que logo, das súas actividades de apoloxía) desenvolvido pola doutrina da chamada Audiencia Nacional (AN) e a Sala do Penal do Tribunal Supremo (TS) nos últimos vinte anos, coincidindo coa provisión das prazas de Maxistrados desa Sala do TS e de determinadas prazas dos Tribunais penais da AN de persoas ríxidas e ferreñas no seu concepto de orde constitucional e paz social. Mesmo o TS ten criminalizado tamén as actividades políticas non violentas de organizacións declaradas primeiro como terroristas. Definida xudicialmente como terrorista unha organización (malia que non encaixe nin de lonxe nesta definición)  todo o que faga será terrorismo.

Verdadeiramente significativo é o agravamento deste fenómeno precisamente despois de que desaparecese o terrorismo de ETA no 2011, como teñen observado moi recentemente o avogado e politólogo Borxa Colmenero e o profesor de Dº Penal da UDC José Angel Brandariz. É este alargamento do concepto de terrorismo o que permitiu o axuizamento  “dos de  Altatsua” na AN no canto da Audiencia de Nafarroa (malia que en último de contas non fosen condenados por terrorismo, mais si de xeito desproporcionado atendendo ao mal causado) ou a falsa acusación de terrorismo a independentistas cataláns dos Comités de Defensa da República (CDR)

Este elástico alargamento do concepto de terrorismo (e das súas condutas apoloxéticas) e máis a grave deturpación do principio do xuiz natural sinalado na Lei (en canto que o axuizamento dos delictos non o fan os xulgados e tribunais do seu territorio de comisión, senón un tribunal excepcional-a AN- para todo o Estado) constitúen o paradigma que explica as sucesivas ondadas represivas a respecto do independentismo galego desde 2012. En xuño de 2013 un Tribunal presidido na AN polo maxistrado Alfonso Guevara limitou con total parcialidade os medios de defensa dos catro acusados e condenou aos mesmos (Eduardo Vigo, Roberto R. Fiállega, María Osorio e  Antón Santos) a penas entre 10 e 18 anos de cárcere sen mortes nin lesións, declarando terrorista a súa suposta organización de pertenza, Resistencia Galega. Os dous últimos acusados non tiñan relación ningunha cos explosivos supostamente posuídos. Esta sentenza foi corrixida á baixa polo TS, que mantivo a definición terrorista da organización e mantivo unas penas absolutamente desproporcionafdas, propias de homicidios e secuestros.

Mais con ser moi grave a vulneración de garantías legais e a desproporcionalidade das penas deste xuizo, o que se vai desenvolver a vindeira semana, entre o 19 e o 21 de outubro, contra 12 membros da organización política Causa Galiza e a organización de axuda aos presos Ceivar ningún delicto violento, non hai posesión de explosivos, non hai accións danosas do patrimonio que sexa como for compre sempre investigar, axuizar e, se é o caso, penar. Non. Neste caso as condutas axuizadas están totalmente protexidas pola liberdade de expresión e de asociación e  actividade política (celebración de efemérides nacionais ou políticas e de actos en apoio dos presos independentistas). E, malia todas estas evidencias, pídense polo Fiscal a disolución das organización Causa Galiza e Ceivar canda penas de tres anos por organización criminal e de dous anos por delictos de apoloxía do terrorismo do artigo 578 do Código Penal

Un elemento chave que explica a posibilidade desta caste de operación policiais, xuizos e condenas é a permanencia da AN como Tribunal excepcional para todo o Estado, sucesora sen solución de continuidade do franquista Tribunald e Orde Pública dende o 4 de xaneiro de 1977. Porque esta caste de procesos non terían nunca o mesmo percorrido perante os tribunais galegos, que porén aplican o mesmo Código Penal. Porque os tribunais penais da AN e a Sala do Penal do TS constitúen órganos xurisdicionais moi influídos por unha interpretación restritiva das liberdades e autoritaria do réxime político, que considera a actividade política independentista un grave risco para o sistema político e social. E adoitan identificarse, canda moitos fiscais adscritos a estes Tribunais, no seo dun grupo de referencia chamado a obxectivos extraxurídicos, vencellados coa idea de “salvar España”.

Deste xeito, nos últimos 20 anos, o concepto de terrorismo e da súa apoloxía sofriu un proceso de alargamento tal que xa atinxe ao contido esencial das liberdades de expresión e asociación política propias das democracias occidentais, ao xeito que se observa hoxendía en réximes totalitarios como a China ou Arabía Saudita, que identifican terrorismo con oposición política. Velaí como, de xeito continuado, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos corrixe esta evolución incompatíbel coa democracia liberal, malia que o faga despois de dez anos e, xa que logo, sen capacidade real de reparar o daño causado.

Só unha reforma do Código Penal que redefina con carácter moi restritivo as condutas terroristas (liberalizando calquera opinión ou exptresión que non chame directamente á violencia ou ao odio ideolóxico e agravando os delictos violentos por circunstancias absolutamente obxectivas e non políticas) poderá pór orde democrática nesta cuestión fulcral para o Estado de Dereito.  Para esa reforma ben se podería contar coa mayoría absoluta da investidura. E esa reforma é urxente, tan urxente como a despenalización da sedición que poña en  liberdade inmediata aos presos políticos soberanistas cataláns.

Comentarios