Opinión

A penalización da enerxía galega

A tarifa eléctrica única para todo o Estado é un despropósito.

A tarifa eléctrica única para todo o Estado é un despropósito. Territorios de alto consumo doméstico non produtores de enerxía, como Madrid, pagan menos ca Galicia, pois que aquí temos que aboar para máis un suplemento polo tributo autonómico que grava a enerxía eólica que producimos.

O sistema centralizado, en xeral, beneficia ás illas Canarias e Baleares, Ceuta, Melilla, ao carbón astur-palentino-leonés e áo grande consumo doméstico dos territorios non produtores, como Madrid, penalizando ás grandes empresas industriais e aos consumidores domésticos, nomeadamente aos máis pobres e aos que tentan producir parte da enerxía que consomen. A tarifa única, por outra banda,  aproveita a falla dunha política europea da enerxía para impor un trato de favor (nomeadamente aprezábel cos últimos ministros Sebastián-PSOE e Soria-PP) ao oligopolio das tres grandes distribuidoras-comercializadoras, Gas Natural-Fenosa, Iberdrola e Endesa. As tres adoitan ser refuxio de antigos dirixentes socialistas e populares.

Pagamos máis por producir enerxía, malia sofrirmos importantes custos ambientais. Galicia é a grande prexudicada da regulación enerxética

As sucesivas reformas da lexislación do sector eléctrico e do marco tarifario, canda o desestimento do concurso eólico do goberno de coalición BNG-PSOE imposto por Feijóo, liquidaron o eólico como sector estratéxico da economía galega e impediron que o noso capital autóctono adoptase posicións sólidas no ámbito da produción enerxética, mentres se reforzaba o predominio da distribución e do transporte. Para máis, a supresión das primas á ininterrumpibilidade puxo en perigo a continuidade empresarial de grandes consumidores industriais galegos, como Alcoa, mentres en Galicia a pobreza enerxética xa afecta milleiros.

Pagamos máis por producir enerxía, malia sofrirmos importantes custos ambientais. Galicia é a grande prexudicada da regulación enerxética. Porque, ademáis de pagar máis caro, se nos impediu beneficiármonos do desenvolvemento empresarial do sector das renovábeis.

Velaí que a iniciativa lexislativa popular que ven de promover a CIG, a respecto da necesidade dunha tarifa eléctrica de noso, abre un dos principais debates do futuro económico de Galicia. Falemos, pois, de balanzas enerxéticas e sexamos conscientes dos nosos intereses, que só nós podemos visibilizar.

Comentarios