Opinión

Un país de gañadores

Confésolles que me preocupa moito máis o proxecto de futuro deste País do que as leas sobre a súa identidade. Ou sexa, que non perdo un minuto en matinar se somos colonia ou champú. 

Agora ben, negar a existencia evidente dunha identidade galega de noso no mundo é cousa de marcianos, Poñamos, a modo de exemplo, o noso dito “Deus é bon, pero o demo non  é malo”. Enténdeno ben, verdade? Somos un país con grande sentido do humor e moi pouco dogmatismo estéril. Pois miren, alén dos Padornelos hailles máis de oitenta países que considerarían ese dito  propio de herexes ou perigosos e nihilistas revolucionarios, cando non de persoas con gravísimas eivas psíquicas.

Unha das grandes pexas de determinados relatos identitarios galegos teñen sido as choromicadas. Contarmos unha historia de perdedores que non é nin real nin atractiva. Que non mola, como dicíamos na escola. E que, claro, resulta moi difícil de mercar.

O relato dos galegos perdedores non é noso. Nace en Madrid para xustificar as inxustizas do sistema centralista, que foi quen empobreceu este País rico

De verdade somos un país de perdedores? Vostedes cren que un País que constrúe Compostela e que inventa o Camiño xacobeo pode selo? Un país que foi quen a botar fóra aos exércitos napoleónicos de Ney e Soult cunha coraxe que lle fixo dicir a Wellington que os galegos eran inimitábeis? Un pobo que foi quen a se recoñecer como tal na emigración, emprendendo unha loita alfabetizadora para cobrir a neglixencia educativa centralista? Un país que viu nacer Inditex, coas súas sombras, mais coas súas fulxentes luces? 

O relato dos galegos perdedores non é noso. Nace en Madrid para xustificar as inxustizas do sistema centralista, que foi quen empobreceu este País rico. Os mesmos que inventaron o conto do galego na escaleira. Verdade que vostedes saben cando están nunha escaleira se soben ou baixan? Pois iso. Mais o relato ese non é nada inocente. Quere facernos ver como un fato de persoas sen criterio nin orientación. Cando somos un país europeo normal, con moitísimos problemas, coma a meirande parte deles.

Velaí que cumpra moita pedagoxía e autoestima para contarmos a realidade. Que podemos ser un País de gañadores. E que o relato dos perdedores abrolla canto máis miramos  cara Madrid.

Comentarios