Opinión

Un pacto para gobernar

 


Nesta precampaña das eleccións nacionais do 25-S, Núñez Feijóo teima unha e outra vez en ofrecer unidade fronte a un suposto resultado fragmentario que deixaría moi incerta a futura gobernanza, como está a pasar no Estado dende decembro.

Non hai tal. O líder do PPdeG coñece perfectamente que se non acada maioría absoluta (só ou cos socios de Ciudadanos) En Marea, o BNG, o PSdeG e Compromiso xuntarán os seus deputados para que naza un Goberno alternativo. Neste senso, non existe ningunha posibilidade que Galicia sofra da caste de parálise institucional que está a sofrir España.

Con ser isto verdade, as devanditas forzas de oposición haberían escenificar unha e outra vez que o seu pacto de goberno vai ser unha realidade. E que ese pacto non é, substancialmente, un pacto en negativo, “para botar ao PP”, senón un pacto en positivo para gobernar catro anos arredor duns sinxelos acordos programáticos, de xeito que a cidadanía entenda ben que o seu voto terá a capacidade de mudar as políticas de austeridade e pasividade ineficiente desenvolvidas ao longo de máis de sete anos de goberno da dereita do PP.

Non existe ningunha posibilidade que Galicia sofra da caste de parálise institucional que está a sofrir España

Alicerces esenciais dun acordo tan plural haberían ser a transparencia, o diálogo e a boa xestión transformadora. A gobernanza inclusiva debe ter paredes de cristal e adoptar as decisións de xeito consensuado e participativo. Canto á xestión, será precisamente o electorado das opcións alternativas o que máis esixa a súa eficiencia, sen esquecer que determinadas reformas estruturais serán obrigadas para que esa xestión transforme e non incorra nun continuismo estéril.

No eido programático, semella que o acordo posíbel sería o acordo por máis e mellor autogoberno, como instrumento para implementar políticas de crecemento económico sostíbel e benestar social. Neste senso, pensando en catro anos, non se albiscan diferenzas substanciais canto ás políticas sociais e económicas a desenvolver e á necesidade de desenvolver e ampliar o marco do autogoberno actual e mellorar substancialmente o seu financiamento.

Todo o dito é xeralmente coñecido dos candidatos, mais isto non quita para que o digan unha e outra vez, coa fin de escorrentar esa abstención que dana nomeadamente as opcións galeguistas e progresistas.
                 

Comentarios