Opinión

Un pacto galego pola xustiza

O case absoluto paralisamento xudicial sofrido canda o estado de “alerta” da primavera de 2020 agravou as resultas da moi xustificada folga  dos corpos de tramitamento, xestión e auxilio xudicial no 2018,-cando a Xunta desprezou a oferta de mediación da avogacía galega, e deteriorou substancialmente a Administración de Xustiza na Galicia, nomeadamente alicerzada no moi curto asignamento dos Poderes Públicos españois ao noso país de medios materiais, tecnolóxicos e persoais.

 Temos un atraso xudicial moi importante que se vai agravar coa enxurrada de litixios que as resultas desta crise sanitaria e económica van xerar, moito máis cando rematen as actuais normativas transitorias que os adian : laborais por despedimentos ou modificacións substanciais do contrato de traballo, procedementos concursais, reclamación de débedas, litixios por incumprimento dos alugueiros, execucións hipotecarias...

Neste tempo amosouse que o teletraballo e a dixitalización son potentes ferramentas, mais semella que a Administración de Xustiza non entendeu de todo o conto, agás parte substancial da maxistratura que está xa a entender que o futuro da xustiza é dixital. Porén,  o que fracasa de verdade é a fase de execución das sentenzas, ademáis da dixitalización xeral das vistas e actos procesuais. Velaí a urxencia de garantir que calquera funcionario poida traballar sen atrancos dende a súa casa, con pleno respecto aos dereitos á privacidade da cidadanía e acadando a eficiencia e eficacia na dixitalización que acadou parte do sector público e moito do sector privado e social desque comezou a crise pandémica.

Precisamos dun pacto galego pola xustiza, que sexa aprobado polas forzas parlamentarias todas e polos sindicatos e axentes sociais da avogacía, procuradoría e asesores laborais, para acadarmos esa dixitalización potente e inmediata que resolva os problemas do tramitamento e xestión procesuais e da execución das resolucións xudiciais.  E que tamén resolva a cuestión fulcral da definitiva incorporación do galego na Xustiza, adiada pola neglixencia da Xunta, traducindo-máis ben adaptando- axiña a aplicación Minerva e demáis elementos precisos do software de uso xudicial sen atraso ningún.

Mais  este urxente pacto non vai ser abondo. O que precisamos en último de contas é incorporarmos  a organización xudicial deste País a un Poder Xudicial galego, que partille o autogoberno canda a Xunta e o Parlamento.  Nin máis nin menos ca nos Estados federais e plurais serios, como os USA, Canadá, Suiza ou a Alemaña.  

E precisamos, tamén  que ese Poder Xudicial galego futuro sexa moito máis participativo e democrático na súa xestión, introducindo nela  á avogacía, procuradoría e demáis axentes xurídicos.

Comentarios