Opinión

Pablo Iglesias non pode dirixir Galicia

Podemos foi a primeira forza política que levou con éxito a unhas eleccións as prioridades da axenda social que abrollaron no 15-M. De feito, hai só un ano, Podemos constituía o cerne da nova política.

Podemos foi a primeira forza política que levou con éxito a unhas eleccións as prioridades da axenda social que abrollaron no 15-M. De feito, hai só un ano, Podemos constituía o cerne da nova política. A intelixencia estratéxica dos Iglesias, Errejon et alter soubo, despois, darlle ao novo partido unha mensaxe substancialmente rexeneracionista e socialdemócrata, na idea de confrontar co PP polo liderado político e substituir ao PSOE como alternativa.

"Esta pluralidade cidadá semella moito máis convencida da necesidade dunha solución galega  (chámese maré ou como cumpra) ca de transladar o espazo de decisión ao Estado".

Mais dende aquela as cousas mudaron moito, como adoita ser cotián nestes tempos. Podemos inhibiuse en xeral da loita electoral municipal, mais nos concellos nos que partillou-non sempre demasiado activamente- candidaturas de unidade cidadá (Marea Atlántica da Coruña, Compostela Aberta, ..) os resultados foron o doble de mellores ca nas eleccións autonómicas nas que Podemos presentaba a súa marca. Para alén,  a experiencia da Marea Atlántica demostrou que tan importante é o resultado como o proceso. A maioría da xente ilusionada nesta andaina non quere só votar un partido e líder, senòn participar democráticamente. Moitas persoas queren xa trascender das decisións dun señor e dun reducido comité que todo o dirixen e todo o saben para participar na adopción das decisións do común.

Para máis, esta pluralidade cidadá semella moito máis convencida da necesidade dunha solución galega  (chámese maré ou como cumpra) ca de transladar o espazo de decisión ao Estado. O que non quita para que no futuro esta solución galega colaborara estreitamente coas forzas estatais que partillasen a súa sensibilidade. E non só- dende a perspectiva defensiva de garantir os intereses da Galicia ou ampliar moi substancialmente o seu autogoberno, senón tamén para enfrontar reformas transformadoras a prol das maiorías sociais nos ámbitos da economía, da política social ou  da transparencia e participación na gobernanza.

Esta realidade renxe con esa estrutura centralizada que adoptou Podemos e máis cun regulamento de primarias que permitiría presentar candidatos de Murcia pola circunscrición de Pontevedra.  Velaí que Iglesias habería renunciar á presentación das súas siglas, como seica van facer os demáis partidos que apoian este espazo.  

Comentarios