Opinión

Os que rachan a convivencia

O extremismo marca a axenda política que quere impor o tripartito da Santa Alianza (PP, Cs e Vox). Tamén nas súas obsesións contra o galego, lingua propia de Galicia e, aínda, da maioría de nós. Despois das falsidades de Toni Cantó (Cs) e máis de Ortega Smith (Vox) sobre unha inexistente discriminación do castelán no noso País agora foi Casado quen reivindicou o dereito á ignorancia, recramando que non se esixa o galego para posto ningún no emprego público.

É verdade que a inmensa maioría das persoas galegas non acreditan nestas falsidades nin defenden rachar de tal xeito a convivencia. Mais sempre advertiremos que este é un discurso que representa posición amplamente partilladas na megacapital madrileña e nas rexións de ráigame castelá. Son desgrazadamente centos de milleiros os que pensan que falamos galego por atraso, por amolar ou por nos distinguir dos demáis. Ademáis, facer de todo o Estado un territorio monolingüe, co galego esmorecente na vida privada de cada vez menos xente, serve aos intereses recentralizadores: máis concesións e contratas a empresas de fóra do País, máis emprego público para persoas de fóra de Galicia, menos riqueza económica e cultural para o que alcuman periferias.

Contra os que queren rachar a convivencia, cómpre afirmarmos a centralidade do galego como cuestión de dereitos, de democracia e de sentidiño

 

A profesora da USC Alba Nogueira ven de escrebir que o galego é cuestión de dereitos. Ten razón. Para que poidamos vivir na nosa lingua cómpre esixirlle competencia lingüística aos empregados públicos. Para garantir os dereitos dos galegos os nosos médicos, mestres, servidores civís, traballadores sociais e xuices han coñecer amplamente o galego. Máis aínda, a interpretación do Tribunal Constitucional vedando que o galego poida equiparase ao castelàn canto ao deber de coñecemento é un atranco para as mesmas liberdades constitucionais e esixe unha modificación que recoñeza a igualdade entre as linguas para que o galego sexa tan lingua A coma o castelán.

Mais o galego é tamén unha cuestión de convivencia. Porque sendo a nosa lingua propia require que a cidadanía toda a coñeza en profundidade para mantermos os caracteres de inclusión e cohesión propios das democracias. Velaí a necesidade da inmersión lingüística, do uso maioritario do galego como lingua vehicular no ensino, único xeito de superarmos o “gap” do absoluto predominio social e mediático do castelán que vivimos arestora.

Contra os que queren rachar a convivencia, cómpre afirmarmos a centralidade do galego como cuestión de dereitos, de democracia e de sentidiño.

Comentarios