Opinión

As oportunidades dun pequeno país

Escrebiu Suso de Toro que Galicia era un país pequeno de máis como para levarse mal. Mais sendo un pequeno país sobardamos  canto á poboación e PIB ás bálticas Lituania, Letonia e Estonia e temos unha dimensión semellante ás prósperas  Gales, Uruguai ou Eslovenia.

Escrebiu Suso de Toro que Galicia era un país pequeno de máis como para levarse mal. Mais sendo un pequeno país sobardamos  canto á poboación e PIB ás bálticas Lituania, Letonia e Estonia e temos unha dimensión semellante ás prósperas  Gales, Uruguai ou Eslovenia.

"España centraliza as decisións substanciais e  prefire o capitalismo financeiro e concesional ao produtivo e industrial. Velaí a necesidade de garantirmos unha capacidade de decisión en infraestruturas, economía e fiscalidade" 

Sermos os primeiros en sofrir as politicas de austeridade agravou substancialmente o desemprego dos nosos titulados e a destrución de emprego industrial  e autónomo. A Grande Recesión e a recentralización madrileña, moi asociada na comunicación ao duopolio televisivo A3Media-Mediaset, no financeiro ao Santander, Bankia e BBVA e no concesional ao capitalismo do Ibex 35, fanou gravemente o sector galego de servizos. As grandes campañas de publicidade desenvólvense hoxendía case exclusivamente  nos media estatais con sede en Masdrid e só o 24% dos proxectos de consultoría e enxeñería desenvolvidos en Galicia contrátanse ás empresas galegas do sector, condenadas ao peche ou á busca á desesperada de mercados exteriores. Mentres, sofrimos o combustíbel máis caro do  Estado, o que explica o peche de máis dun milleiro de empresas galegas de transporte nos últimos anos. 

Porén, Galicia ten oportunidades. Velaí o levantamento do veto á construción civil naval en Navantía-Fene (algún día escribirase a crónica desta traizón de Aznar a Galicia) ou ás grandes posibilidades dos nosos portos no novo escenario do transporte marítimo que se abrirá, nuns tres anos, coa apertura da nova canle de  Panamá. Somos unha potencia enerxética sometida a unha regulación allea e absurda. A riqueza potencial da  produción alimentaria, os sectores mar-industria e monte industria e os recursos para construir unha prestixiosa Marca-País ( milleiros de persoas aínda novas moi ben formadas, o camiño de Santiago, a lusofonía, a rede galega no exterior) son grandes oportunidades estratéxicas.

Mais estas oportunidades non se poden desenvolver no marco actual, porque España centraliza as decisións substanciais e  prefire o capitalismo financeiro e concesional ao produtivo e industrial. Velaí a necesidade de garantirmos unha capacidade de decisión en infraestruturas, economía e fiscalidade que hoxe non temos, para lle dar contido a estas potencialidades e recursos que moitos outros no mundo desexarían para si propios. 

Comentarios