Opinión

O voto imprescindíbel

As eleccións estatais do vindeiro domingo 10-N constitúen o nidio fracaso da incapacidade da esquerda española (PSOE/UP) para se pór dacordo nun pacto, quer de coalición, que de lexislatura. Dentro do fracaso xeral das dúas forzas políticas o PSOE é máis culpábel, tanto pola diferenza proporcional en votos e escanos como pola responsabilidade de que o seu candidato sexa quen habería nuclear a coalición de lexislatura ou goberno. Semella que non faltan motivos para que electorado galego penalice gravemente estes dous partidos, sen que a neonata Mas País ofreza cousa distinta. Carolina Bescansa sempre quixo solucións madrileñas aos problemas galegos.

Que dicir do espazo da dereita tripartita! Vox e Cs, irrelevantes nas eleccións locais galegas do 26-M último, teiman en desprezar a consideración dos nosos alicerces económicos e sociais, da nosa lingua e da nosa cultura. Mais o peor é que son os socios do PP de Casado nas autonomías andaluza e madrileña ( por xunto case o terzo da poboación do Estado) e que están a definir, dende decembro de 2018, a liña política do PP. Por moito que Núñez Feijóo, consciente da súa actual irrelevancia no PP e do empobrecemento sofrido pola cidadanía galega durante os seus 10,5 anos de goberno, siga a distraermos dos auténticos obxectivos da dereita tripartita.

Nunca ficou tan nidia a inutilidade de cadansúas propostas políticas estatais e unionistas, que seguen ser tan cativeiras para os nosos intereses que na época do dominio do bipartidismo dinástico.

Pola contra, no eido do galeguismo, no eido do soberanismo, houbo remudas substanciais nestes case sete meses. BNG e CXG acadaron un acordo político para apoiar a candidatura do Bloque, mentres que En Marea decidiu non se presentar nin apoiar explicitamente ninguén, malia que remitan á forza que mellor defenda a axenda galega.Velaí que o voto á candidatura do BNG semelle arestora non só o voto útil, senón o voto imprescíndibel, por ser o único que atende, non só os nosos intereses sociais, económicos e culturais (a chamada axenda galega), senón as nosas liberdades fundamentais como persoas e máis a nosa existencia como País.

Mais ben faría o BNG se aproveita a semana vindeira para gañar todos os votos que poder, mentres matina en todas as achegas que precisa para facer da formulación política do galeguismo, do soberanismo cívico galego, unha solución verdadeiramente interclasista, transversal e gañadora. Ao xeito das do PNV ou dos escoceses do SNP.

Comentarios