Opinión

O devalo de Núñez Feijoo

Dicíamos hai unha semana que as dúas grandes novidades das eleccións locais na Galicia eran o refluxo das Marés e máis o grave fracaso do PP. Daquela desenvolvimos o do refluxo mareante e agora é o intre do fracaso do PP, do devalo de Núñez Feijóo.

O PPdeG fracasou en todos os seus obxectivos xerais nestas municipais. E mesmo perdeu fronte ao PSOE nas eleccións xerais do 28-A e europeas do 26.M . Estes feitos definen unha escea que anuncia a derrota electoral do PPdeG nas nacionais do 2020. Definen o devalo de Alberto Núñez Feijóo.

Despois de dez anos de maioría absoluta do PP a maioría progresista manifestada nas eleccións de 2004, 2005, 2009 (gañara o PP pola regra D´Hondt), 2015 e as tres quendas do 2019 anuncia remuda no Goberno da Xunta para o 2020

Certo é que no 2015 albiscouse a posibilidade que o PP perdería as nacionais do 2016. Mais a situación non era semellante á de agora. Certo é que o PP perdera as Deputacións d’A Coruña, Lugo e Pontevedra e os concellos todos das sete grandes ciudades, agás Ourense. Mais só un ano despois o PP estatal acadaba 137/350 deputados, mentres que arestora só xuntou 66/350. O PP estatal xa non lle achega nada a Núñez Feijóo, rulando entre a dereita extrema e a terra ignota do nowhere land. Para máis, o PP foi gravemente derrotado nestas locais en toda a Galicia urbana, con leves melloras no concello lugúes e máis nalgúns concellos da bisbarra pontevedresa.

Por outra banda, Vox e Ciudadanos demostraron nas europeas e locais que son forzas extranas ao País e pouco dadas a acadaren presenza na vida institucional galega. Galicia é un dos países onde menos suceso colleitaron dentro do Estado. E este fenómeno conéctase coa nosa personalidade nacional, co noso xorne como pobo, alleo ao españolismo cutre de Rivera, Casado e Abascal, refractario aos que xuran e berran e ás definicións en branco ou negro. Xa que logo, é case imposíbel que Cs e PP lle sumen ao PPdeG nas nacionais do 2020. Núñez Feijóo atópase só diante do perigo.

Despois de dez anos de maioría absoluta do PP a maioría progresista manifestada nas eleccións de 2004, 2005, 2009 (gañara o PP pola regra D´Hondt), 2015 e as tres quendas do 2019 anuncia remuda no Goberno da Xunta para o 2020. Agora só compre agardar que as forzas da futura maioría de progreso, nomeadamente socialistas e galeguistas, saiban ler os tempos e os números e non lles dea por se disparar un tiro no pé.

Comentarios