Opinión

Núñez Feijóo: as razóns dun trasacordo

Que motivos levaron o Presidente deste país a renunciar á súa candidatura á presidencia estatal do PP? O suposto compromiso cos electores galegos até o 2020 non é críbel. El mesmo recoñecera uns días atrás que a xubilación política de Rajoy era un factor extraordinario que introducía unha substancial novidade. Para máis, ao longo de nove anos construíu un perfil próximo ao Madrid político, coa súa continua presenza nos medios estatais e unha xestión dependentista e pouco atenta aos intereses de Galicia, presente en cuestións como a súa conformidade co veto estatal ao traspaso da AP-9, o seu rexeitamento á tarifa eléctrica galega, a liquidación do concurso eólico ou a súa continua renuncia a pedir máis autogoberno e mellor financiamento.

Non. O que pasou é qué Núñez Feijóo analisou que a fiestra de oportunidade era estreita de máis. Porque a persoa que vaia dirixir o PP estatal enfrontará un calendario xudicial moi ruín e haberá enfrontarse dende fóra do Goberno de Madrid a unhas eleccións municipais e autonómicas en dez meses que é moi difícil que repoñan o PP nos gobernos perdidos no 2015. Por outra banda, a forza de Núñez Feijóo era vestir a camisa branca da renovación fronte ás imaxes deterioradas de Cospedal e Sáinz de Santamaría, que representaban a continuidade da era Rajoy e da era Gürtel. Cumpriría, pois, garantir unha blindaxe fronte ao eventual fogo amigo que puidera luxar esa imaxe limpa e renovadora. E esa blindaxe non podía ser segura.

O que pasou é qué Núñez Feijóo analisou que a fiestra de oportunidade era estreita de máis 

 

Evidentemente, as circunstancias persoais e familiares sempre contan, mais estas xa estaban presentes cando Rajoy anunciou a súa xubilación política. O trasacordo xurdiu despois desta perspectiva ao enlamado terreo de xogo.

O que resultou certamente desaquelada foi a posta en escea. Para dicir que non ía non precisaba semellantes fogos artificiais. Por unha vez (o que non é cotián nunha persoa da súa intuición política) Feijóo transformou unha oportunidade nunha evidente febleza, que a oposición habería estar xa aproveitando.

Comentarios