Opinión

Novo relato, novos actores

Chegamos ao Día da Patria coa evidencia da división do galeguismo político en varias celebracións, coma se caese sobre ell a maldición xudía da “Vida de Brian”. Lóxico é que exista pluralismo, ilóxico é  que o galeguismo  non sexa quen nin de celebrar xunto o Día Nacional. Velaí as resultas da falla de sentido transversal e inclusivo. As resultas do sectarismo, do esencialismo, do resistencialismo e do fulanismo.

Á vista das circunstancias, non lles haberá extrañar que eu sexa  dos que acredite na refundación do galeguismo. Mais penso que, con ser importante, non abonda arestora coa mera concentración parcelaria, co simple traballo de patchwork. Non. O galeguismo político precisa dun novo relato, construído máis sobre as persoas, a vontade cívica de sermos e o benestar. Un discurso que explique por que precisamos dun Partido Nacional para defendermos os nosos intereses, ao representar só un 5% do PIB e un 5,5% da poboación estatais e ser as nosas bases económicas pouco relevantes no contexto estatal.

Canto aos que foron até agora actores, a súa experiencia e coñecemento é esencial, malia que nunha fase primeira mellor haberían ficar máis ben na retagard

Un discurso que conte porque precisamos do máximo autogoberno para vivir decentemente. Un discurso que defina Galicia como unha pequena nación europea, cos seus problemas e avantaxes e que poña o acento nas oportunidades e nos nosos pontos fortes. Un relato que nos devolva a autoestima. Un relato que non só integre aos galeguistas, senón a todas as persoas demócratas que asuman Galicia como a súa referencia vital. Un relato de inclusión e cohesión e non de división clasista.

Este novo relato precisa de máis horizontalidade e menos  burocratización e xerarquía. De máis  escoitar á cidadanía e menos evanxelizala. A xente do común xa lles vimos aprendidos da casa. Un novo galeguismo precisa de pobo e ha fuxir do elitismo, atraendo ao tempo o coñecemento.

E precisa, tamén, de novos actores. Precisa da incorporación protagónica das xeracións máis preparadas da nosa historia, mais a carón de novas facianas das xeracións dos maiores e das intermedias. Esas persoas  que traballan ben no eido social, profesional ou empresarial. Canto aos que foron até agora actores, a súa experiencia e coñecemento é esencial, malia que nunha fase primeira mellor haberían ficar máis ben na retagarda.  

Comentarios