Opinión

Novo paradigma na CEG?

De sempre a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) ubicouse no político na adhesión á alternativa do PP e economicamente no pensamento máis desregulador e neoconservador, constituíndo ademáis unha extensión provincial e acrítica da española CEOE, malia que lle debe a súa existencia obxectiva á mesma realidade do autogoberno. Como nos conta o xornalista Marcos Pérez Pena, nas primeiras eleccións autonómicas de 1981 a CEG prexudicou, no ámbito do centro, a opción do Partido Galeguista (PG) para encher prensa e radio co seu apoio á AP de Fraga e Albor para “frenar el marxismo”. A institución tivo que ser resgatada financeiramente pola Xunta de Galicia (2002) logo do expolio ao que lle someteu a xestión malfadada do Secretario Xeral, Rafael S. Sostres e do Presidente Antonio Ramilo, pendente aínda de xuizo.

Xa que logo, o novo xorne amosado polo novo Presidente, Antón Arias Díaz-Eimil, confronta coa liña da CEG nos seus primeiros 37 anos. Arias vén de descualificar o modelo laboral de Rajoy por considerar que é unha máquina de creación de emprego precario e destrución do emprego de calidade. Considera que os salarios han subir e que a negociación colectiva non debe porse límites porque o persoal das empresas ten dereito a planificar unhas expectativas vitais. Opta por distinguiren emprego estabel do temporal, deixando éste para as necesidades non estruturais. Renuncia, na orde política, ao partidismo pro PP da CEOE e non rexeita os novos gobernos locais progresistas porque todo o que é democrático non lle preocupa.

Arias vén de descualificar o modelo laboral de Rajoy por considerar que é unha máquina de creación de emprego precario e destrución do emprego de calidade

As ideas do novo Presidente da CEG concordan co conxunto das pemes galegas ás que representa, moito máis sensíbeis á mellora da demanda interna (e, xa que logo, á recuperación das rendas salariais) e á existencia de financiamento asequíbel ca á redución dos custos salariais. Polo mesmo, teñen sido moi ben recebidas polos novos emprendedores e por determinados dirixentes empresariais comarcais e sectoriais.

Galicia precisa dunha organización patronal que represente os intereses dos seus sectores produtivos con autonomía, tanto a respecto dos intereses do capitalismo castizo de BOE de Madrid canto aos do PP. Que veñen sendo, por certo, os mesmos.

Comentarios