Opinión

A nosa selección

A afección respostou a xeito coa nosa selección nacional de fútbol fronte a Venezuela. 18.000 persoas son moitísimas para un amigábel no serán dun día laborábel e tan complexo familiarmente coma o venres. Mais tamén respostaron os adestradores. Fran González e Michel Salgado fixeron unha paréntese en cadansúas internacionais e moi competitivas carreiras profesionais, para pór toda a súa ilusión e ciencia nunha equipa que amosou un grande nível de xogo. Para máis de termos a ledicia de ver cooperar Lucas Pérez e Iago Aspas, quitamos a convicción de que esta equipa, con tempo para se conxuntar, aspiraría a se cualificar para as fases finais da Eurocopa ou do Mundial. 

E respostaron os xogadores, que o deron todo e saíron pedindo continuidade para a selección. E as empresas patrocinadoras, conscientes que o apoio á nosa selección potencia cadansúas marcas e fomenta o seu negocio, que eles dirixen dende Galicia con vocación galega.

Velaí que a prohibición fáctica imposta pola Xunta do PP nos últimos sete anos e medio resulte, amais de absurda, revelatoria dun medo acerval á autoidentificación nacional deste País, que quere en moi grande medida ás súas seleccións e aos seus sinais de identidade. Para máis, a selección é un grande pulo para  o noso fútbol, ao fomentar o coñecemento dos mellores xogadores profesionais galegos. A nosa selección, dotada do imprescindíbel nível de continuidade, crearía canteira e melloraría substancialmente as escolas do Depor, Celta, Rácing, Lugo ou Compos.

A prohibición fáctica imposta pola Xunta do PP nos últimos sete anos e medio resulte, amais de absurda, revelatoria dun medo acerval á autoidentificación nacional deste País

Mais o horizonte vital da nosa selección non pode ser o de xogar amigábeis eternamente. A súa participación internacional non está prohibida en lei ningunha, senón que depende dunha decisión libérrima da Federación Española de Fútbol (FEF), dacordo coa normativa  FIFA. Noutros deportes, coma o fútbol gaélico, Galicia compite internacionalmente sen problemas. 

O horizonte vital da nosa selección non pode ser o de xogar amigábeis eternamente

A participación de Galicia nas fases preparatorias da Eurocopa e do Mundial non ten nada a ver coa unidade de España. Velaí o Reino Unido, que acolle dende sempre cadansúa selección de fútbol ou rugby de Inglaterra, Gales ou Escocia. E ninguén enfermou por iso.

No veto da FEF á selección galega latexa unha mentalidade antiga e autoritaria e, dende logo, moi pouco deportiva.

Comentarios