Opinión

Non ás taxas xudiciais

A sentenza do Tribunal Constitucional (TC) anulando , por inconstitucionais, as taxas xudiciais (agás as cotas fixas por demandas civís superiores a 2000 €


 A sentenza do Tribunal Constitucional (TC) anulando , por inconstitucionais, as taxas xudiciais (agás as cotas fixas por demandas civís superiores a 2000 €, que non foron impugnadas polos deputados socialistas recorrentes) pecha un longo ciclo de argumentacións xurídicas, sociais e políticas e mobilizacións sociais contra o desaquelado, inxusto e desproporcionado tributo que gravaba o acceso á xustiza introducido ás bravas pola maioría absoluta parlamentaria do   PP en novembro de 2012. Un longo ciclo no que cómpre salientar a unidade amosada  pola avogacía galega, que contribuiu tamén a  botar abaixo o proxecto de Gallardón que suprimía a pranta xudicial das nosas vilas cabeceiras de partido xudicial a prol das capitais de provincia.
 
 O obxectivo que o PP perseguía coas taxas xudiciais non era, coma se dixo mentireiramente, o financiamento da xustiza gratuíta. Tratábase de limitar o acceso á xustiza dos consumidores e pequenas e medianas empresas, nomeadamente en dous ámbitos: os contenciosos contra as Administracións Públicas, garantindo a inmunidade de centos de milleiros de multas e actuacións públicas arbitrarias e as reclamacións civís contra Bancos e grandes empresas por abusos. De camiño penalizábase o desenvolvemento profesional dos pequenos e medianos gabinetes de avogados, pois que as taxas ou ben impedían o acceso á xustiza ou ben minguaban os seus xa axustados honorarios profesionais.

A teoría xurídica do TC vén  demostrar outravolta a grande influencia do Goberno do Estado na axenda e alcance das decisións dos Tribunais Supremo e Constitucional


 O ministro Catalá suprimiu as taxas para persoas físicas en febreiro do 2015, coa finalidade de maquillar en ano electoral a moi lesiva xestión do PP a respecto das clases medias. Mais non se acordou a devolución das taxas  aboadas, como agora tampouco se acorda na sentenza do TC. Do mesmo xeito que fixo o Tribunal Supremo nas sentenzas que negaron efectos antes de maio do 2013 a respecto da nulidade das cláusulas solo, o TC  só exonera das taxas de hoxe en diante. Considera, pois, o xa pago como ben pago, disque porque o que a pagou finalmente puido acceder á xustiza e non se viu frustrado pola taxa.

A teoría xurídica do TC é teoría de patacón en estado puro, que vén  demostrar outravolta a grande influencia do Goberno do Estado na axenda e alcance das decisións dos Tribunais Supremo e Constitucional.

Comentarios