Opinión

Non se pode vivir con medo

Anxo Quintana sofre, con certa recorrencia, ataques varios dende determinadas trincheiras. Construíuse un obsesivo discurso fronte ao antigo vicepresidente da Xunta que segue vixente arestora.

A obsesión vén xa de vello. E a teima non é só persoal con Anxo Quintana -que tamén-, senón con todo o que pertenza ao mundo do galeguismo moderno e capaz de artellar solucións prácticas para este País.

Anxo Quintana dixo recentemente que a clave desta xenreira e da insólita campaña de destrución persoal desenvolvida a primeiros do 2009 son as presións exercidas a respecto da adxudicación do concurso eólico, a fins do 2008. Naturalmente, ese relato pertence ao coñecemento do propio Quintana. O que eu lles podo dicir, dende a responsabilidade institucional que na altura exercía, é que encaixa milimétricamente con todos os acontecementos que puiden observar moi de preto ao longo das semanas seguintes, comezando pola extrañísima reacción (decembro do 2008) do representante da Consellaría de Medio Ambiente, ordenada polo propio Pachi Vázquez, ao abandonar a comisión que tiña que propor a adxudicación do concurso eólico, sen que constase discrepancia ningunha, nin fáctica nin xurídica coa proposta da Consellaría de Industria. Cal foi a orixe desta orde de Pachi Vázquez?

A teima non é só persoal con Anxo Quintana -que tamén-, senón con todo o que pertenza ao mundo do galeguismo moderno

Quintana, coma calquera, cometería erros políticos. Mais na campaña desenvolvida no 2008-2009 (e insólitamente reaxida agora, cando está fóra da politica activa) o detonante non foron aqueles. Foron os obxectivos serios e factíbeis do concurso eólico, que pretendían un substancial incremento da actividade industrial de Galicia e o empoderamento dos nosos emprendedores a respecto da dependencia co capitalismo español de amiguetes. Obxectivos que cumpría estragar.

Como di Quintana, “o medo a ser o obxecto da próxima cazaría afasta a xente da vida pública…Eu aprendín a lume que non se pode vivir con medo”. Pódese dicir máis alto, pero non máis claro.

Comentarios