Opinión

Non discutimos

Non discutimos se lles digo que nos anos 20 do século pasado, nas cidades e vilas galegas, as mulleres de servizo axionllábanse diante das señoras da casa. Está documentado. Tamèn lles direi que despois da guerra civil falar galego significaba, quer falar mal, quer falar contra o réxime. Tamèn está documentado, quen queira proba que ma pida. Máis certos e probados aínda, polo menos para mín, son os meus tres abós de aldea (A Devesa-Carnés-Vimianzo, As Touzas-Olveira-Dumbría e máis O Penedo-O Páramo) e a outra aboa da periferia da Pasaxe na Coruña. Penso que case todas vostedes teñen orixes semellantes. Velaí que non discutimos nunca o noso lexítimo orgulo de sermos de orixe aldeá e popular.

Non discutimos que todos nacemos iguais e que todos temos dereito á vida, á liberdade e á percura da felicidade, como dicía a Declaración de Dereitos do bó pobo de Virxinia (1775). Non discutimos que todos, homes e mulleres, galegos de orixe e de adopción, integramos unha cidadanía galega plural na fasquía e igual en dereitos. Non discutimos que todos temos dereito a unha sanidade, educación e coidados de balde, públicos e de calidade.

Non discutimos, xa que logo, se lles digo que me arrepían esas elites latinoamericanas que falan dos seus concidadáns pobres como se fosen outra especie. Non discutimos dos que contrapoñen os dereitos da vítima aos do delincuente, sen se decatar que vivir en liberdade esixe garantías procesuais e a seguranza de que o sistema prefire que libre un culpábel antes que caia un inocente. Non discutimos se lles digo, unha e outra vez, que non é verdade que os inmigrantes cometan máis delictos nin cobren proporcionalmente máis axudas e subvencións.

Non discutimos a radical igualdade de homes e mulleres nin a necesidade de rematar coas eivas que impiden a efectividade desta igualdade. Non discutimos a necesidade evidente dunha protección eficaz contra a violencia machista nin a necesidade de feminizar as nosas ciencias, as nosas enxeñarías, as nosas policías e a nosa política.

Non discutimos que o machismo, o racismo e o clasismo non son só nidias demostracións da falla de intelixencia, senón constatacións dunha personalidade refractaria á democracia e á convivencia en liberdade e, xa que logo, non merecente do recoñecemento, senón da desaprobación pública.

Non discutimos,xa que logo, a existencia das grandes certezas da convivencia liberal e democrática.

Comentarios