Opinión

Unha morte evitábel

A  morte de Javier Fernández, batería da coñecida banda galega Los Piratas, petou moi forte na opinión pública

A  morte de Javier Fernández, batería da coñecida banda galega Los Piratas, petou moi forte na opinión pública por amosar gravísimos defectos de funcionamento en dous dos servizos públicos máis esenciais: a seguranza cidadá e a sanidade pública. De súpeto, decatámonos da extrema fraxilidade dunha democracia que non é quén de garantir a vida e á saúde dun cidadán do común. O que pasou en Ponteareas é máis propio dun país terceiromundista ou de épocas onde os cidadáns eran meros súbditos.

Haberá que agardar ás resultas das pescudas xudiciais, mais de primeiras a intervención policial semella moi desproporcionada. Dous funcionarios policiais con formación en defensa persoal, a priori, non teñen falta de usar as súas armas de fogo para reducir unha persoa descontrolada por razóns de doenza mental. E, no caso de usar estas armas como última razón, cómpre apuntar a partes do corpo menos vitais. Para máis, hai outros instrumentos menos letais e máis eficaces. E, sobre todo, non consta que os funcionarios policiais estivesen eficazmente asesorados pola sanidade pública. Sen prexuízo de respectar a presunción de inocencia do garda que disparou, tanto no ámbito penal como disciplinario, o funcionamento do servizo público policial foi lamentábel. A cidadanía ten dereito a saber, logo, se foi un gravísimo erro dun funcionario ou unha intervención malfadada por mor de graves defectos en medios materiais, formación ou coordinación.

Dous funcionarios policiais con formación en defensa persoal, a priori, non teñen falta de usar as súas armas de fogo para reducir unha persoa descontrolada por razóns de doenza mental

Tampouco resulta aturábel que un psiquiatra lle retire, de súpeto, todo o tratamento a un doente desta caste, contra a súa opinión e a da súa familia. Cál foi o alicerce científico desa decisión? Tiveron que ver eses criterios de aforro de recursos que están a deteriorar a nosa sanidade?

Precisamos, pois, dunha investigación xudicial acaída, imparcial e transparente. Porque a morte de Javier Fernández puxo en grave evidencia o funcionamento dos nosos servizos públicos. Para confiar nos empregados públicos que miran pola nosa saúde e pola nosa seguridade precisamos saber todo o que pasou.

Comentarios