Opinión

O monte pariu un rato

A decisión dos deputados de En Marea de integrar o grupo de Podemos

A decisión dos deputados de En Marea de integrar o grupo de Podemos no canto de tentar a formación dun de seu ou artellar un subgrupo no Grupo Mixto demostrou a falla dunha folla de ruta na coalición galega. Pola contra, quen dirixiu os tempos todos foron Pablo Iglesias e a dirección estatal de Podemos, artellando un suposto grupo confederal. Grupo confederal que ninguén sabe moi ben o que é nin como vai funcionar e no que  a galeguidade de En Marea pode ficar agochada.

Certo que a decisión anunciada da Mesa do Congreso, vetando o grupo propio, interpretaba o artigo 23 do Regulamento do Congreso dun xeito manifestamente inconstitucional. Mais que habería que lidiar coa Mesa sabíase dende sempre. A folla de ruta diante dunha tal decisión habería estar deseñada de antes e que non viñese marcada por Pablo Iglesias nas dez de últimas. Tendo en conta que a independencia de En Marea (que foi o que se lle vendeu ao eleitor) requiría, como mal menor, a integración dos seus deputados no Grupo Mixto. Onde se van integrar, por certo, os catro deputados de Compromís que partillaron coalición con Podemos no País Valenciano. 

A independencia de En Marea (que foi o que se lle vendeu ao eleitor) requiría, como mal menor, a integración dos seus deputados no Grupo Mixto

Súmase esta decepción a un proceso de conformación da candidatura xa de por si moi pouco transparente e nada participativo. Porque En Marea foi o produto dun pacto entre as cimeiras de Anova, Esquerda Unida e Podemos. Nada a ver, por exemplo, co proceso democrático e cidadán, alicerzado na base social, que deu na conformación da Marea Atlántica coruñesa.

É posíbel, xa que logo, que moitas persoas que votaron En Marea sintan agora dúbidas a respecto da súa escolla. Mais, con todo, en política pódese aprender. É moi probábel que sexa unha marea galega quen lle poida desputar a primacía política ao PP de Feijóo nas eleccións autonómicas deste ano. Velaí, pois, unha opción para traballar dende a base cidadá. Para construir participativamente. E para dotarse de programas realistas, pero fondamente cobizosos e transformadores, que dean solución aos problemas reais da xente. O outro, é dicir, falar de máis, improvisar ou enunciar grandes abstracciòns non sería útil nin eficaz. Xeraría, máis cedo ca tarde, unha fonda desafección e unha aceda decepción. 

Comentarios