Opinión

Mina? Na nosa casa non

O movemento social que se opón á mina de Touro amosou este día no Obradoiro compostelán a súa forza, xuntando máis de 30.000 persoas que rexeitan a autorización da explotación de cobre que plantexa Cobre San Rafael. Semella, pois, que a maioría non lle mercan á empresa o seu relato de explotación sostíbel e xeradora de emprego.

Sucede que os danos e riscos da mina non compensan para nada os seus beneficios. Entre éstes estarían só o emprego directo e indirecto  xerado. Os promotores falan de 400 empregos, mais o subsector de minaría non extractiva de granito e pizarra no País non atinxe, entre todas as explotacións, os 1600 empregos. Non é críbel, tendo en conta que os avances tecnolóxicos reduciron moito a intensividade da minaría como xeradora de emprego.

Os danos e riscos da mina non compensan para nada os seus beneficios

 

Mais a explotación mineira ten data de caducidade, máis ben 10 ca un máximo de 15 anos. Mesmo podería pechar antes, se os prezos internacionais do cobre baixan e fan antieconómica a explotación. Un suposto ben probábel.

Fronte estas cativas avantaxes haberíamos aturar a explotación mineira a ceo aberta máis grande de Europa (122 km2 nun pequeno país de menos de 30.000 kms2). O seu impacto sería letal para as explotacións  gandeiras cárnicas, leiteiras e agrarias dunha bisbarra cunha potente vocación e especialización agrogandeira. O dano para o turismo de peregrinación, a rentes do Camiño francés, sería tamén etal. Quen vai facer o camiño ouvindo barrenar e respirando pó en suspensión?  Cómpre quizais reformular o impacto xacobeo na capital de Galicia, mais no Camiño francés entre Sarria e o monte do Gozo é unha historia de éxito en termos de indución de riqueza.

O seu impacto sería letal para as explotacións  gandeiras cárnicas, leiteiras e agrarias dunha bisbarra cunha potente vocación e especialización agrogandeira

 

E que dicir dos recursos pesqueiros, acuícolas e marisqueiros en risco da ría de Arousa? Somos o primeiro país produtor de mexilón do mundo e o da Arousa é o mellor. Un sector organizado en milleiros de pemes familiares que estrutura unha rede capilar que lle outorga á Barbanza e Arousa-cohesión social e equilibrio económico. Sen contar o impacto negativo na extracción de moluscos, na pesca e no complexo mar-industria todo.

É posíbel que o mundo precise de minas de cobre, mais, como diría o político británico Nicholas Ridley, “not in my back yard”.  Vistos os poucos gaños, os moitos danos e peores riscos…na nosa casa non.

Comentarios