Opinión

O medo de Núñez Feijóo

A Xunta vén de aprobar un Decreto de atención ao cidadán que desnaturaliza absolutamente a política de discriminación positiva que lle esixe a Lei de Normalización Lingüística. De hoxe en diante, o mero feito de que o cidadán use o castelán activará a resposta, verbal ou escrita, da Administración autonómica nesta lingua. Até de agora (na teoría, como a todos vostedes lle consta) a lingua de uso preferente era o galego e o castelán usábase obrigatoriamente só cando o demandaba expresamente o usuario.

As políticas de discriminación positiva veñen esixidas polo Estatuto de Galicia, pola Lei de Normalización Lingüística de 1983 e polo Plan de Normalización Lingüística do 2004 (ambos os dous aprobados no Parlamento por unanimidade). O galego é a nosa lingua propia, aínda de uso maioritario, mais minorizada por circunstancias históricas e pola actuación a prol do castelán dun Estado español moi pouco respectuoso coa nosa lingua. A Constitución impón un desequilibrio normativo a prol do castelán, xa que só éste é de coñecemento obrigatorio. Neste contexto, estas políticas son esenciais para compensar parcialmente a abafante imposición do castelán en todos os ámbitos da vida pública e comunicacional. Velaí a gravidade deste Decreto, que semella pensado para reducir drasticamente o uso e máis o prestixio do galego na vida administrativa.

O líder do PPdeG presentiu o perigo de perder uns milleiros de votos, basicamente concentrados en Vigo e A Coruña e que xiran arredor dos sofismas de Galicia Bilingüe

Como se lle ocorreu esta medida a Núñez Feijóo ás portas das nosas eleccións nacionais? Por medo. Mentres case todos vimos fóra de xogo á candidata de C´s, Cristina Losada, no debate da CRTVG, o líder do PPdeG presentiu o perigo de perder uns milleiros de votos, basicamente concentrados en Vigo e A Coruña e que xiran arredor dos sofismas de Galicia Bilingüe. Por iso retrucoulle en castelán e lle dixo que falaba castelán cando lle petaba. Como xa pasou nas eleccións do 2009 para frearlle o paso á UPD de Rosa Díaz, o líder da dereita subordina a normalidade a respecto do galego que profesa a grande maioría dos seus votantes para reter uns poucos votos de persoas extremistas na cuestión lingüística, ao xulgalos esenciais para manter a maioría absoluta.

Galicia Bilingúe, afastada da centralidade e irrelevante socialmente, segue a lle marcar a axenda política ao PPdeG.

Comentarios