Opinión

En Marea e os intereses de Galicia

Concordo coa idea de que Galicia habería ollar moito menos cara Madrid e moito máis cara á Europa e América. Somos periféricos a respecto de Madrid, sendo centrais a respecto do  eixo Rotterdam/Antuerpe/Londres-Canle de Panamá. Desgrazadamente, desfrutamos  dun autogoberno moi limitado e dependemos de moitas decisións do Goberno do estado. Velaí que teñamos que seguir a ollar cara aló, polo menos para algunhas solucións.

Non é imposíbel que Sánchez (PSOE) forme un goberno de tendencia progresista con Pablo Iglesias (Podemos) de vicepresidente e acade maioría simple na segunda votación de investidura. Este Goberno tería bloqueada a reforma constitucional, pois que o PP conserva a maioría absoluta do Senado e con C´s sobarda os 2/5 do Congreso. Con todo, tería capacidade para votar leis, mesmo leis orgánicas, se é quen de pactar cos 17 deputados independentistas de Democràcia i llibertat e ERC.

Somos periféricos a respecto de Madrid, sendo centrais a respecto do  eixo Rotterdam/Antuerpe/Londres-Canle de Panamá

Quere isto dicir que este Goberno, como todos os que dependen da negociación e do compromiso, podería ser unha oportunidade para lle dar pulo a determinados intereses galegos. Comezando pola transferencia do 5,5% dos fondos destinados ao financiamento local que nos corresponden por poboación, para obter os 500 M€ que o Goberno español nos substrae todos os anos. Seguindo por un novo sistema de financiamento autonómico que avalíe a xeito as variantes do avellentamento e o espallamento poboacionais e compense os case 1.460 M€/ano de desequilibrio en contra nosa da balanza fiscal entre o que Madrid recada en imposto e o que invisten as Administracións Públicas en servizos. Continuando pola implementación dunha tarifa eléctrica de noso  e a transferencia de todas as competencias estatais en réxime local, educación, portos e aeroportos de interese xeral, salvamento marítimo e outras. Ou polo axeitado financiamento da parte estatal que lle cómpre na atención aos nosos dependentes, nunca coberta.

Velaí a importancia que ten que En Marea sexa quen de actuar de xeito independente, mantendo a súa personalidade política e axenda. Porque en política (tamén na nova política) non hai amigos . Hai intereses e, xa que logo, hai ou pode haber socios.

Comentarios