Opinión

Máis autogoberno, máis benestar

Aínda hailles xente que non se decata da importancia que ten o autogoberno para o benestar da cidadanía galega. Aínda hailles xentiña enganada que pensa que o importante é “que se xestione ben, sexa o concello, a Xunta ou Madrid”, como se existise a xestión neutral. Como se non fora certo que Sevilla ten AVE dende 1992 ou que os aeroportos xestionados estatalmente adxudican os seus servizos a grandes empresas estatais.

Para máis, Galicia precisa o autogoberno en moi superior medida ca Euskadi ou Catalunya, porque os sectores económicos que para nós son fulcrais para o Estado son prescindíbeis. E porque só achegamos o 5% do PIB e o 5,5% da poboación estatais. Xa que logo, falando do programa de goberno dunha eventual coalición progresista, a defensa e ampliación do autogoberno é esencial para poder promover o crecemento económico e aplicar unha axenda social. Os problemas do noso País non veñen da loita de clases, senón do noso carácter periférico e subordinado no contexto do Estado español.

Galicia precisa o autogoberno en moi superior medida ca Euskadi ou Catalunya, porque os sectores económicos que para nós son fulcrais para o Estado son prescindíbeis

Quere isto dicir que o futuro Goberno haberá desenvolver todas as vías que melloren o autogoberno e  o seu financiamento, así como que restauren o autogoberno local e garantan un financiamento xusto (Galicia só recebe o 3% dos recursos locais cedidos polo Estado, malia ter o 5% da poboación). A conxuntura dirá se é posíbel (sería o desexábel) modificar o marco xurídico-político constitucional e estatutario. Mais, de non selo, cumpriría explorar todas as demáis vías: reforma das leis orgánicas recentralizadoras, leis de transferencia ou delegación, reforma urxente do financiamento… Nomeadamente urxente son as competencias que garantan unha autonomía real na xestión do territorio e medio rural, na promoción do tecido empresarial e na completa internalización do noso réxime local, suprimindo ou, polo menos, minimizando as Deputacións e a estrutura provincial.

Para as persoas deste País, o autogoberno pertence ao mundo das cousas de comer. Porque só cunha ampla e ben financiada autonomía o Goberno galego pode xerar benestar social e crecemento económico.

Comentarios