domingo 17/01/21

A mafiosa arbitrariedade da Liga de Fútbol Profesional

O luns 20 de xullo de 1936 a enxurrada fascista conquistou A Coruña a ferro e lume, levando por diante ao mellor da economía, cultura e sociedade coruñesa.  O luns 20 de xullo de 2020 as organizacións mafiosas Liga de Fútbol Profesional (LFP, que preside o ultradereitista Javier Tebas) e Real Federación Española de Fútbol (RFEF), logo de coñecer  a catástrofe dos 8 positivos do Fuenlabrada, acordaron suspender o encontro Dépor-Fuenlabrada, mais mantendo o resto da xornada a respecto das equipas atinxidas polo descenso.

Mais as organizacións LFP e RFEF ditaron de común acordo unha resolución o último 6 de xullo na que decidían que as xornadas 37 e 38 da Primeira e 41 e 42 da Segunda haberíanse xogar de xeito simultáneo no que atinxía ás equipas que xogaran polo campionato, Premier League, Europe League, ascensos, promocións de ascenso e descenso á Segunda B. Unha decisión normal, acaída,  propia de primeiro de fútbol e que conectaba coa tradición de ducias de tempadas.

O 20 de xullo, pola contra, suspenderon o encontro do Dépor, mais non os do C.D. Lugo e Albacete. Como se pode explicar unha tal arbitrariedade?

Explícase, probabelmente, pola conveniencia do Fuenlabrada, asesorado polo fillo do  Javier Tebas, presidente da LFP, que xogará o seu partido cara ás súas aspiracións de promoción coñecendo o resultado de todas as demais equipas afectadas. E, no camiño, esta desaqueladísima e, quizais, prevaricadora arbitrariedade levouse por diante os dereitos do Dépor a xogar o seu encontro en unidade de acto aos demais actores na loita contra o descenso á 2ª B. Porque a resolución do 6 de xullo era definitiva en Dereito, polo que calquera suspensión da xornada canto aos encontros que tiñan que se xogar ao tempo,  habería ser global e non particular. Dun xeito contrario ás regras da igualdade esixidas pola FIFA e UEFA fican gravísimamente incumpridas.

Para máis, o Fuenlabrada xerou para o persoal e seareiros do Hotel NH Finisterre d´A Coruña e xeraba para todas as persoas que no noso país contactaron con eles desde que chegou a Galiza o seu avión un gravísimo risco sanitario. A equipa madrileña nunca debeu coller un avión ao que non deberon ser admitidos ou non deberon concorrer por mor dos casos xa coñecidos na contorna da equipa, cando aínda  estaban na rexión de Madrid.

A gravísima arbitrariedade da LFP e da RFEF. Compite o fútbol galego na tea de araña de organizacións mafiosas?

A mafiosa arbitrariedade da Liga de Fútbol Profesional
comentarios